Tres feridos nun altercado na estación de trens de Ámsterdam

Estación de tren en Ámsterdam. EFE

Descoñécese se hai unha relación entre o atacante e as outras dúas vítimas, aínda que non se descarta que se trate dun axuste de contas

Polo menos tres persoas resultaron feridas este venres nun apuñalamento na Estación Central de trens de Ámsterdam, entre eles o atacante, que recibiu un disparo dos axentes de seguridade, segundo confirmou a Policía holandesa.

Nunha mensaxe de Twitter, a Policía explicou que o incidente ocorreu no túnel da estación principal de Ámsterdam, a máis frecuentada polos turistas que chegan á cidade. Descoñécese se hai unha relación entre o atacante e as outras dúas vítimas, aínda que non se descarta que se trate dun axuste de contas.

Segundo a web de NS, a compañía ferroviaria de Holanda, non hai trens circulando desde nin cara á Estación Central, xa que a Policía pechou o túnel onde tivo lugar o incidente mentres leva a cabo a investigación.