A galega Yolanda Díaz, Garzón, Montero, Castells e Iglesias, os ministros de Unidas Podemos
Á espera de que —se se cumpren as previsións— Pedro Sánchez consiga o vindeiro martes a maioría necesaria para converterse en presidente do Goberno, vanse desvelando os nomes do futuro Executivo de coalición. Nel, o coordinador federal de IU, Alberto Garzón, será o próximo ministro de Consumo e terá ademais competencias sobre a regulación dos xogos de azar e as casas de apostas.
Segundo informaron a Efe fontes da coalición, Garzón terá finalmente a carteira dunha área, a de consumo, agora integrada no Ministerio de Sanidade. Ese departamento de nova creación prevé incluír as competencias sobre o xogo e a regulación das casas de apostas que ata o momento ostentaba o Ministerio de Facenda.
Ademais del, será ministra a galega Yolanda Díaz, tamén militante de IU, que se perfila como titular de Traballo. A actual portavoz da confluencia Galicia en Común ten unha relación estreita co líder de Podemos, Pablo Iglesias. Non terá competencias na Seguridade Social e Migracións, aínda que Podemos si terá o control sobre a Inspección de Traballo.
O secretario xeral de Podemos será vicepresidente segundo, mentres que o seu número dous e portavoz parlamentaria, Irene Montero, sería ministra de Igualdade.
Os comúns confirmaron este mesmo domingo que o sociólogo Manuel Castells será o próximo ministro de Universidades.
Pola súa banda, a vicepresidencia Segunda de Asuntos Sociais, que asumirá Pablo Iglesias, terá sede propia fóra da Moncloa, e dela dependerán os catro ministerios que corresponderán á súa formación, así como dúas ou tres Secretarías de Estado.
¿Quen segue?
Entre os que se espera continúen nos seus cargos están a vicepresidenta Carmen Calvo, que previsiblemente será vicepresidenta primeira, e a titular de Economía, Nadia Calviño, que tería a vicepresidencia terceira, porque a segunda, social, resérvase para o líder de Podemos, como apuntaron nas últimas semanas fontes da negociación.
Tamén se espera que continúe a titular de Facenda, María Jesús Montero, a quen algunhas quinielas colocan como a próxima portavoz do Executivo, en substitución de Isabel Celaá.