Italia obrigará a que as cadeiras de coche para neno teñan un sensor antiolvido

As cadeiras deberán levar un sensor que evite que os nenos sexan esquecidos no coche. DP

O novo sistema de seguridade fará soar unha alarma se a porta do coche se pecha cos pequenos dentro, evitando que se repitan casos deste tipo de morte no país

O ministro de Transporte italiano, Danilo Toninelli, anunciou que será obrigatorio levar cadeiras con sensor para previr o esquecemento do neno nos vehículos, para o que se estudará unha dedución fiscal de ata 200 euros por familia.

O ministro do Movemento 5 Estrelas (M5S) anunciou a medida que cambiará o código de circulación italiano nunha entrevista na emisora Radio24, aínda que non deu datas. "Creo que as poucas decenas de euros máis que as nais e pais pagarán por isto se gastarán con alegría", dixo o ministro.

Algunhas novas cadeiras de coche para nenos inclúen un sensor que emite unha alarma no caso de que se peche a porta do coche mentres o neno está aínda sentado.

No Parlamento italiano existe xa un decreto lei que quedou sen aprobar na pasada lexislatura e que prevía xa, entre outras medidas de circulación, a obrigatoriedade deste tipo de cadeiras con sensores.

Nos últimos anos, en Italia producíronse algúns casos de nenos falecidos dentro do coche polo esquecemento dos seus pais.