Un laboratorio británico ofrece 4.000 euros por contaxiarse de coronavirus

Un investigador analiza posibles casos de coronavirus. EFE
Unha vintena de voluntarios serán inxectados con dúas cepas máis débiles que o covid-19

Un laboratorio británico ofrece 3.500 libras (uns 4.000 euros) aos voluntarios que se deixen contaxiar cun tipo de coronavirus nunhas probas clínicas para tratar de achar unha vacina contra o covid-19, segundo informaron os medios locais. Hvivo, situada no leste de Londres, é unha da vintena de empresas e organizacións públicas do mundo que intentan atopar un antídoto ao virus, nun proxecto valorado globalmente en máis de 2.000 millóns de dólares, indicou The Times.

Segundo o xornal, nas probas británicas, que levarán a cabo unha vez obtidas as autorizacións regulatorias pertinentes, 24 voluntarios serán inxectados con dúas cepas de coronavirus máis débiles que o covid-19 (0C43 e 229E) e illados durante dúas semanas.

Os voluntarios permanecerían en corentena no laboratorio de Hvivo no Queen Mary BioEnterprises Innovation Centre, onde os expertos vixiarían os seus síntomas, parecidos aos dun catarro, e administraríanlles novos antivirais para probar a súa eficacia. Estarán, ademais, sometidos a exames cardíacos, de ouriños e sangue, e tomaráselles a temperatura regularmente.

Segundo os medios, o obxectivo é desenvolver unha vacina que poida ofrecerse á xente maior e vulnerable o próximo inverno, posto que é improbable que se consiga un antídoto no futuro inmediato. A empresa, Hvivo, está especializada en virus e dedícase a dar servizos de probas e laboratorios. De acordo co diario británico The Sun, estivo recrutando voluntarios para o experimento, de dimensións globais.