Miles de bielorrusos saen á rúa contra Lukashenko a pesar da represión policial

Participantes na protesta deste domingo en Minsk. EFE
A manifestación congrega unhas 50.000 persoas na capital. A protesta esténdese a outros países e deixa máis de 30 detidos

Decenas de miles de bielorrusos desafiaron por sexto domingo consecutivo ao presidente, Alexander Lukashenko, con marchas de protesta pese ao agravamento da represión policial e as ameazas de persecución xudicial, nunha xornada que acabou con decenas de detidos

A manifestación, convocada polas redes sociais como "marcha da xustiza", congregou na capital bielorrusa unhas 50.000 persoas, segundo as apreciacións de varios medios, unha cifra inferior ás de outros domingos. 

Pasado o mediodía, as autoridades de Minsk bloquearon os accesos ao Palacio da Independencia e o Tribunal Supremo, onde despregaron aramados e unha decena de carros blindados. Seis estacións do metro foron pechadas a fin "de garantir a seguridade dos pasaxeiros", explicou a portavoz da Policía de Minsk, Natalia Ganusevich. 

COMUNICACIÓN. Case simultaneamente co comezo da protesta, os usuarios de internet móbil comezaron a ter problemas de comunicación, que o operador local A1 atribuíu a unha esixencia do regulador de reducir o ancho de banda. 

As primeiras detencións producíronse cando os manifestantes comezaban a reunirse en grupos para participar na manifestación. "¡Esta é a nosa cidade!", coreaba unha columna de manifestantes fronte un cordón policial xunto á Praza da Vitoria, onde, segundo apuntou a axencia rusa Tass, os antidisturbios detiveron unha trintena de persoas cando estas comezaban a retirarse. 

Manifestacións de protesta de diversa magnitude tiveron lugar en Grodno, Moguiliov, Gomel, Brest e outras cidades bielorrusas, segundo as imaxes difundidas pola dixital Tut.by. 

Bielorrusia vive desde as eleccións de agosto as maiores manifestacións da súa historia postsoviética

En Brest, a Policía efectuou un disparo ao aire e empregou gas lacrimóxeno para disolver os manifestantes, informou a portavoz do Ministerio do Interior de Bielorrusia, Olga Chemodanova. "Non o negamos (o disparo ao aire)", dixo, á vez que explicou que o policía que disparou fíxoo para conter o empuxe dos participantes na protesta. A portavoz de Interior subliñou que as forzas policiais controlan totalmente a situación. 

MANIFESTACIÓNS. A "marcha da xustiza" sucedeu á que realizaron este sábado mulleres bielorrusas, tamén disolta pola Policía, que detivo en Minsk a 415 persoas, case todas mulleres. 

Desde as eleccións presidenciais do 9 de agosto Bielorrusia é escenario das maiores manifestacións da súa historia postsoviética. Segundo os datos da Comisión Electoral Central (Cec) bielorrusa, Lukashenko, no poder desde hai 26 anos, gañou os comicios co 80,1% dos votos, resultado considerado fraudulento pola oposición e non recoñecido pola UE e outros Estados occidentais. 

A Cec concedeu só o 10% dos sufraxios a Svetlana Tijanovskaya, a candidata de oposición, que se exiliou logo dos comicios tras recibir ameazas. 

Tras o anuncio dos resultados, estalou unha onda de protestas que continúan ata hoxe, cun balance de seis mortos e ao redor de 10.000 detidos.

A Onu pide o cesamento da tortura 
A Onu aprobou unha resolución que pide ao Goberno o fin da violencia contra os manifestantes. A resolución reclama ás autoridades bielorrusas que "cesen o uso excesivo da forza contra manifestantes pacíficos, incluída a tortura e outros tratos crueis e inhumanos", así como o fin das detencións arbitrarias con motivacións políticas. 

Oposición detida 
Dos sete membros do presídium do opositor Comité Coordinador para o traspaso pacífico do poder queda en liberdade en Bielorrusia a Nobel de Literatura Svetlana Alexievich pois os demais atopan en prisión ou o exilio.