A vaga de calor cóbrase xa tres vítimas: dúas en Murcia e unha en Barcelona

Un termómetro marca 48 graos en Sevilla. RAÚL CARO

Outra persoa atópase grave tras sufrir un golpe de calor tamén en Murcia

Dúas persoas faleceron este venres en Murcia e Barcelona, e unha terceira atópase moi grave, por un golpe de calor, nunha xornada na que a que as elevadas temperaturas que afectan a España non deron tregua cun ascenso xeneralizado, previo a unha baixada leve durante a fin de semana.

A Consellería de Saúde de Murcia informou da morte dun home de 78 anos por un golpe de calor mentres realizaba labores nunha leira da súa propiedade, que se une á dun traballador de 48, que morreu o pasado martes tamén por efecto das altas temperaturas.

Nesta mesma comunidade, un home de 55 anos foi hospitalizado esta tarde en estado moi grave tras sufrir unha insolación e golpe de calor na pedanía de Beniaján.

En Barcelona, un home de mediana idade e que ía indocumentado faleceu tamén por golpe de calor, tras ser localizado tendido no chan en plena rúa e con sangue na boca, informou a dirección xeral de Protección Civil da Generalitat.

Esta primeira vaga de calor do verán prevese que "permanecerá ata o luns, aínda que mañá sábado e o domingo os termómetros baixarán un pouco", informou o portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), Rubén Del Campo.

As temperaturas están a ser moi altas sobre todo nas veigas do Guadiana e do Guadalquivir, sinalou Del Campo, "con valores que superarán os 44 e 45 graos" nesas zonas e a campiña cordobesa.

A pasada medianoite Estremadura tivo nove das dez temperaturas máximas en España. En Estremadura Badaxoz e Cáceres e en Galicia, Pontevedra e Ourense, teñen aviso vermello por risco extremo por valores de entre os 40 e 44 graos e mínimas que non descenderán dos 20-25.