Unha veciña de Cangas, entre as vítimas mortais do accidente de avión en Etiopía
Trataríase dunha moza de 32 anos cooperante dunha ONG
Unha veciña de Cangas do Morrazo é unha das 157 vítimas mortais do accidente dun Boeing 737 en Etiopía. O Concello decretou tres días de loito oficial.
Pilar Martínez Docampo, de 32 anos, traballaba como cooperante dunha ONG en Etiopía e viaxaba no avión da compañía Ethiopian Airlines que se estrelou pouco despois de despegar de Adís Abeba con rumbo a Nairobi.
O alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, expresou, en declaracións a Efe, a súa consternación polo falecemento desta moza e trasladou á súa familia o seu apoio e predisposición a colaborar no que poida nos trámites de repatriación do cadáver.
Un ofrecemento que se suma ao da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, segundo confirmou a Efe o alcalde de Cangas, consciente de que "á dor da perda dun ser querido" súmaselle á familia o trámite "farragoso" da repatriación.
Pazos engadiu que "calquera morte dun veciño é sentida", pero neste caso súmase que a vítima era unha persoa nova e solidaria, polo que a corporación local quere expresar especialmente o seu "respecto e recoñecemento" con tres días de loito nos que as bandeiras da casa consistorial ondearán a media asta.
Trala traxedia, Ethiopian Airlines informou este luns de que suspendeu o uso do Boeing 737 MAX 8. Nun comunicado, a compañía sinalou que, tralo "tráxico accidente", optou por "deixar en terra toda a flota" de Boeing 737 MAX 8 con efecto a partir de onte, día 10 de marzo, "ata novo aviso".