Zuckerberg pide perdón pola filtración de datos e móstrase "encantado" de declarar no Congreso
O responsable de Facebook asegurou que o caso supón "unha gran violación da confianza e realmente lamento que suceda"
O fundador de Facebook, Mark Zuckerberg, pediu perdón e dixo estar feliz de declarar no Congreso de Estados Unidos pola filtración de datos duns 50 millóns de usuarios da rede social a unha consultora británica vinculada á campaña electoral de 2016 de Donald Trump.
"A verdade é que estou encantado (de testificar) se isto é o correcto", dixo Zuckerberg nunha entrevista coa cadea CNN.
O máximo responsable da rede social precisou que a compañía está a tratar de enviar ao Congreso á persoa que ten máis coñecemento do asunto e "se esa persoa son eu, estarei encantado de facelo".
DATOS PERSOAIS. A Cámara de Representantes de EEUU, o Parlamento británico e a Eurocámara pediron a Zuckerberg que compareza para que aclare polo escándalo sobre a utilización de datos persoais de usuarios de Facebook pola consultora británica Cambridge Analytica, ligada á campaña do hoxe presidente de Estados Unidos.
Cambridge Analytica, que foi contratada pola campaña electoral de Trump en 2016 por máis de 6 millóns de dólares, presuntamente utilizou esa información para construír un programa informático destinado a predicir as decisións dos votantes e influír nelas.
Na entrevista, o responsable de Facebook asegurou que o caso supón "unha gran violación da confianza e realmente lamento que suceda". "Temos a responsabilidade de protexer os datos das persoas", subliñou
CONSECUENCIAS. Nun comunicado previo, Zuckerberg anunciou o mércores que a firma investigará a todas "as aplicacións que accederon a grandes cantidades de información" antes de 2014, cando se lles impuxo limitacións, e que ampliará as súas restricións a desarrolladores para evitar "abusos".
O escándalo, destapado o pasado sábado polos diarios The New York Times e The Observer, castigou a Facebook en bolsa e no que vai de semana perdeu case 50.000 millóns de dólares e algúns dos seus accionistas querelláronse colectivamente contra a firma por cometer "actos ilegais" que lles provocaron perdas bolsistas.
A rede social enfróntase ademais á forza dun movemento con miles de seguidores que están a borrar o seu perfil e a aplicación de Facebook dos seus dispositivos.