Unhas 80.000 persoas participaron en máis de 650 actuacións do programa Cultura no Camiño
Máis de 80.000 persoas participaron nos espectáculos programados este verán no marco do circuíto da Xunta Cultura no Camiño, que a semana pasada puxo fin á súa novena edición tras ofrecer máis de 650 actuacións desde mediados do mes de xullo nos 164 municipios adheridos.
Nun comunicado, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destaca que volveu colaborar con Turismo de Galicia no desenvolvemento desta iniciativa, para a que se contou tamén co patrocinio de Gadis e que implicou a contratación de 240 formacións galegas de teatro, danza, música, circo e maxia.
A pesar das limitacións de capacidade en cumprimento das medidas sanitarias vixentes en cada momento, a Xunta resalta que a boa resposta por parte do público reforza o papel deste programa autonómico no impulso da dinamización cultural a través dunha oferta descentralizada de artes escénicas e de música, que nesta ocasión se incluíu, ademais, na colaboración do Xacobeo 21-22.
De feito, este ano rexistrouse unha marca no número de entidades locais participantes —cun incremento do 25% respecto de 2020 e máis do dobre que en 2019— e un reforzo do investimento por parte do Goberno galego como unha das medidas do plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos do covid-19.
Nesta novena edición, a Xunta destinou un millón de euros —un 33% máis que en 2020— a subvencionar a contratación por parte dos concellos de 240 compañías escénicas e grupos musicais de carácter profesional e con sede en Galicia. Por xéneros artísticos, ademais do teatro cunha cifra superior ás 220 funcións, destacou a forte presenza da música, con case 200 concertos; o novo circo con 130 citas; e a maxia, con centenar de actuacións.