No Camiño da accesibilidade

Integrantes da Fundación Menela retomaron onte o Camiño Portugués pola Costa desde Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Integrantes da Fundación Menela de axuda ás persoas con autismo partiron da Peregrina polo Camiño Portugués da Costa a fin de reivindicar que a ruta Xacobea sexa tamén accesible a nivel cognitivo e completar as etapas ata Compostela

Durmir nun albergue en liteiras, coñecer peregrinos de todos os países de Europa ou compartir parte do Camiño con rapaces e rapazas de colexios da contorna é o que máis lle gusta da ruta Xacobea a Adrián Márquez. 

Este xoven é un dos integrantes da Fundación Menela (Rede de Servizos para o autismo e a dependencia), que vén de retomar a ruta a Compostela desde a Praza da Peregrina de Pontevedra. A actividade enmárcase no proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’, que levaron a cabo de xeito intermitente pola pandemia. Agora reactívana para facer as últimas etapas. "Un dos nosos obxectivos é mellorar a accesibilidade cognitiva dos espazos polos que transita o Camiño Portugués da Costa para facilitar a experiencia ás persoas que, coma nós, teñen dificultades de comunicación", tomou a palabra Adrián.

Membros da Fundación Menela leron unha mensaxe pola accesibilidade na Praza da Peregrina de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Pola súa banda, o presidente da Fundación Menela, Cipriano Jiménez, destacou a importancia desta andaina na que interveñen vinte persoas adultas con autismo acompañadas de profesionais especializados e familiares. "O Camiño é algo que todo o mundo recorda sempre", subliñou. "Para nós supón coñecer lugares que un non imaxinaba, o recibimento que nos fan... Estes rapaces víveno dunha maneira extraordinaria, moito máis intensamente que calquera persoa", sinalou.

Un dos nosos obxectivos é mellorar a accesibilidade cognitiva dos espazos polos que transita o Camiño Portugués da Costa

Canda os peregrinos atopábase este luns un grupo de dez estudantes do Ciclo de Integración Social do CIFP A Xunqueira que acompañou aos camiñantes no primeiro tramo, ata Barro. "É unha experiencia moi enriquecedora para o noso alumnado", manifestou o director do centro de Formación Profesional, Santiago Ferrero. "Había dez prazas e desbordouse a demanda, están encantados de participar", engadiu a titora dos voluntarios, Irene Sánchez.

CIDADE ACCESIBLE. Tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo dar a benvida á expedición á "capital do Camiño Portugués", unha cidade, subliñou o rexedor, "accesible, feita para as persoas". Lores comprometeuse a seguir traballando desde o Concello a fin de que a Boa Vila sexa tamén unha "cidade cada vez máis accesible para as persoas que teñen algún tipo de problema cognitivo". O alcalde emprazou á Fundación Menela a que no vindeiro ano Xacobeo "que será o 2027" volvan para comprobar todos os avances en materia de accesibilidade.

A aventura xacobea destes peregrinos prolongarase durante catro días. Polo camiño, a Fundación Menela convidará a centros educativos, colectivos sociais e concellos a acompañalos polas diferentes etapas ata o 23 de setembro, data na que está previsto que este grupo de peregrinos chegue ata a Praza do Obradoiro.