O Camiño de Santiago: A pé, en bicicleta e agora tamén en tractor
Cun gran arraigamento cultural, social e relixioso, o Camiño de Santiago volveu a converterse este domingo en punto obrigado de paso para os peregrinos que cada ano percorren as diferentes localidades a pé, en bicicleta e, neste caso, tamén, en tractor clásico.
Esta actividade celebrouse no marco da Festa do Peregrino, que acolle a localidade lucense de Triacastela, primeira parada en Galicia tras cruzar O Cebreiro, que organizou a súa segunda edición despois de que non puidese organizala o ano pasado.
Durante a xornada, os participantes fixeron un tramo do Camiño de Santiago dunha forma singular, xa que percorreron os case catro quilómetros que separan os lugares de Biduedo e Triacastela en tractor clásico.
Estes vehículos forman parte da colección museográfica Muvida.
Trátase, apuntou a alcaldesa desta localidade, Olga Igrexas, de mostrar "a tradición Xacobea que ten a vila de Triacastela que o Códice Calixtino aparecía como final de etapa".
A primeira edición celebrouse en 2019 pero o ano pasado a localidade viuse obrigada a cancelar o evento debido á pandemia.
O programa, que arrincou ás dez da mañá cun percorrido en tractores, continuará ao longo de toda a xornada, cun amplo programa de actividades, teatro, monicreques, música e incluíu a instalación dunha quincena de postos de artesanía.
As autoridades, entre elas o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, inauguraron a feira á unha da tarde e, media hora despois, tivo lugar o pregón da man da Luis Celeiro
O acto estivo conducido pola cantante do Incio Lucía Pérez, nomeada en 2020 embaixadora da ruta xacobea en Triacastela.
A rexedora confiou en que a festa sexa "moi participativa tanto para os peregrinos e veciños" que se acheguen ata o lugar, cumprindo con todas as medidas de seguridade polo covid.