A construción do albergue de peregrinos de Carril comeza esta semana

Proxecto do albergue de peregrinos en Carril, Vilagarcía de Arousa. DP
Ubicarase no edificio da casa de cultura da parroquia

A construción do albergue de peregrinos de Carril arranca a mediados desta semana coa sinatura da acta de replanteo, trámite previo ao inicio das obras.

A firma Obras Gallaecia S.L. será a encargada de rehabilitar o inacabado edificio da casa de cultura para a súa conversión en aloxamento de peregrinos, segundo o proxecto deseñado polo arquitecto Iago Fernández Puentes.

O Concello inviste 529.064 euros na actuación coa que se pretende impulsar o turismo de tradición Xacobea ligado aos Camiños de Santiago, "tendo en conta", tal e como asegurou o Goberno local, que "en Vilagarcía nace o camiño primixenio, o que seguiron os restos do Apóstolo na súa traslatio a Compostela".