En ruta pola esclerose

Philippe Lambert (esquerda), en Sarria co seu compañero de peregrinación, Romain Quintin. PORTO
Un francés con esta doenza percorre preto de 3.000 quilómetros do Camiño desde Santiago para concienciar sobre a enfermidade

Santiago é a meta dunha viaxe para os peregrinos, aínda que Philippe Lambert quixo que fose o inicio dunha aventura que o levará a percorrer en bicicleta preto de 3.000 quilómetros ata Francia para concienciar sobre a enfermidade que sofre, a esclerose múltiple.

O galo, de 56 anos, comezou a viaxe este mércores, xornada na que completou os máis de 100 quilómetros que separan Compostela de Sarria. Este xoves realiza a segunda etapa, con destino Ponferrada. El non está só nesta aventura, percorre o Camiño de Santiago ao revés cun amigo, Romain Quintin, mentres que a súa familia os acompaña en dúas autocaravanas.

Lambert é o presidente e fundador da asociación Defisep da localidade de Noeux-les-Mines (no norte de Francia), a cal loita por mellorar o día a día das persoas con esclerose múltiple. Unha enfermidade que el ten desde hai "45 anos" e pola que sofre tremores nas mans e problemas de coordinación, atención, concentración e memoria, segundo explica á súa chegada ao cámping Vila de Sarria.

Quere "sensibilizar e concienciar" sobre a esclerose múltiple, ademais de demostrar que se pode "vivir e convivir" coa enfermidade

A súa doenza non lle impide marcarse como obxectivo percorrer ata 8 de maio os 2.864 quilómetros que separan Santiago de Noeux-les-Mines, os que supoñen un total de 41.000 metros de desnivel. Para esta iniciativa conta con patrocinadores.

¿Por que leva a cabo esta aventura? Porque "estou tolo, cando viña para España e vía as subidas que imos ter, é para tolos", chancea. Xa serio, sinala, que quere "sensibilizar e concienciar" sobre a esclerose múltiple, ademais de demostrar que se pode "vivir e convivir" coa enfermidade.

A el non lle dá medo o reto co que se enfronta, para o que estivo a adestrar "cinco meses" nun hospital. Tras a primeira etapa asegura que sente fatiga e cansazo nas pernas, pero "non me afecta máis pola enfermidade".

Recoñece que a aventura será dura, como a subida ao Cebreiro, aínda que desde esta localidade ata Ponferrada xa irá "docemente", din entre risas Philippe Lambert e Romain Quintin. Este, o seu "mellor amigo", animouse a acompañalo nesta fazaña e, ademais, é vicepresidente da asociación Defisep.