O triatleta Javier Gómez Noya, embaixador do Camiño Inglés
O deportista galego Javier Gómez Noya, único quíntuplo campión do mundo da historia do tríatlon, foi nomeado embaixador honorario do Camiño Inglés, a ruta xacobea que historicamente serviu como ponte de unión entre os pobos do norte de Europa e a capital de Galicia.
"Como embaixador, neste Xacobeo 2021 que empeza nuns días animo a todo o mundo a coñecer a súa historia, cultura e as súas xentes", sinalou o dobre medallista olímpico na presentación do vídeo promocional A chamada do Camiño Inglés, que protagoniza.
"A gravación brindoume a oportunidade de facer parte do Camiño Inglés, puiden gozar dalgúns dos sitios máis emblemáticos do mesmo e darme conta de que son moitos os seus atractivos. Foi unha experiencia inesquecible", afirmou Gómez Noya, quen se comprometeu a realizar todo o traxecto cando llo permita o deporte profesional.
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, presidida por Manuel Mirás, agrupa 16 dos 18 concellos coruñeses polos que pasa a ruta inglesa e impulsa a iniciativa. "Os alcaldes do Camiño Inglés creamos esta asociación para a súa conservación e promoción porque somos parte indispensable do Camiño de Santiago con maiúsculas, patrimonio da humanidade", subliñou Mirás, rexedor de Oroso.
Neste sentido, destacou o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e enxalzou o traballo das distintas administracións para que o Xacobeo 2021 teña no Camiño Inglés "un referente inigualable".
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, pola súa banda, incidiu en que a pesar da súa longa tradición ás portas do ano 2021 "seguimos descubrindo o enorme potencial dos camiños", e non dubidou en cualificar o Camiño Inglés como "un diamante en bruto" que hai que seguir desenvolvendo.
"Estamos a traballar para que veña moita xente a pesar desta pandemia; o Camiño interésalle a todo o mundo", manifestou Rueda, quen lamentou que a covid-19 evite que se vaia a celebrar o Xacobeo tal e como estaba pensado, pois ía ser espectacular". Con todo, asegurou que "algúns dos que antes non pensaban en facer o Camiño agora si o fan, así que temos que ser optimistas".