Adriana Ugarte e Javier Rey estrean a serie 'Hache' o 1 de novembro

Adriana Ugarte e Javier Rey nunha escena de 'Hache'. NETFLIX
A última produción española de Netflix está ambientada en Barcelona en 1960

Na Barcelona de 1960, unha prostituta (Adriana Ugarte) acaba no epicentro do tráfico de heroína, que lidera na capital condal o xefe mafioso Malpica (Javier Rey). Ese é o punto de partida de Hache, a última produción española de Netflix, que se estreará na plataforma o 1 de novembro. 

A compañía deu a coñecer este mércores a data da estrea da serie, composta por oito capítulos dunha hora que se difundirán simultaneamente en máis de 190 países, e o seu primeiro trailer, no que se intúen os problemas e o asedio policial ao que será sometida Helena, o personaxe de Ugarte, como vínculo coa mafia que lidera Rey.

Esta produción de Weekend Studio, que está baseada en feitos reais, é unha creación de Verónica Fernández (Cuéntame, Velvet Collection) dirixida por Jorge Torregrossa (Fariña), que tamén conta coas interpretacións de Eduardo Noriega (Los miércoles no existen), Marc Martínez e Ingrid Rubio, entre outros.

Noriega interpretará ao inspector que lidera a brigada de narcóticos de Barcelona, sempre tras a pista do mafioso ao que dá vida Rey. O núcleo da banda estará no Club Albatros, un local nocturno no que coinciden todos os veciños e turistas de Barcelona, con distintos contextos socioeconómicos e persoais.

Hache converterase na quinta produción de Netflix integramente española que estrea a plataforma de pago este ano, logo de Élite, Alta Mar, La casa de papel e Paquita Salas