Amaral, segunda confirmación dos concertos de verán en Vigo
Amaral actuará o 25 de xullo, Día de Galicia, no Parque de Castrelos de Vigo no que é o segundo concerto confirmado das festas de verán da cidade tras o da Sting, que tocará unha semana despois.
Así o anunciou este luns o alcalde da cidade, Abel Caballero, que prometeu unha serie de novidades “nos medios visuais do concerto” que non desvelou.
A parella aragonesa que forman Eva Amaral e Juan Aguirre presentará o seu último traballo, titulado Salto al color, que viu a luz o pasado setembro.
Caballero subliñou que, como é habitual, o concerto será gratis e volveu a criticar que a Xunta de Galicia dedique 60 millóns de euros ao Xacobeo e “nin un só euro ás festas de Vigo, que son un factor de atracción turística único”.
O dúo Amaral, que actuou en Vigo en 2005, mostrou a través de Twitter a "ilusión" que lles xera volver á cidade olívica.