Conchita Wurst revela que é portadora do virus do VIH

Conchita Wurst. INSTAGRAM

A gañadora de Eurovisión en 2014 decidiu facilitar esa información tras verse ameazada pola súa exparella

A cantante austríaca Conchita Wurst, gañadora de Eurovisión en 2014, confesou ser portadora do VIH, e explicou que a razón pola que revela esta información nestes momentos é que se viu ameazada pola súa exparella. "Chegou o día de liberarme para o resto da miña vida dunha espada de Damocles: desde hai moitos anos teño VIH (Virus de Inmunodeficiencia Humana)", escribe o "alter ego" do cantante Tom Neuwirth nunha mensaxe publicada na súa conta de instagram.

Este dato "é irrelevante para a opinión pública, pero un examigo ameázame con facer pública esta información privada, e eu non lle darei a ninguén o dereito de causarme medo e intentar deste xeito ter influencia na miña vida", engade.

Conchita resalta que, á fin e ao cabo, é mellor que unha información así sexa dada a coñecer por un "mesmo", a que outro a divulgue. "Espero dar ánimos (a outros en situacións similares) e dar un paso máis en contra da estigmatización das persoas que se infectaron, xa sexa a través do seu propio comportamento ou sen culpa propia", co virus da sida, indica.

A cantante asegura estar en tratamento médico desde hai tempo e que o desexo de evitarlle angustia á súa familia foi unha das razóns polas que ata agora non revelara publicamente estas circunstancias. "Prefería terlles 'aforrado' preocupacións polo estado do VIH do seu fillo, neto e irmán", explica.

Ademais, engade, "é unha información que creo sobre todo relevante para aquelas persoas coas que o contacto sexual é unha opción". "Estou máis forte, máis motivada e liberada que nunca. ¡Grazas polo voso apoio!", di a intérprete.

Conchita Wurst é un personaxe creado por Tom Neuwirth, un deseñador de moda e cantante homosexual de 29 anos.