O documental sobre o accidente do Alvia gaña a XXIX edición de Cineuropa

El realizador gallego, Aitor Rei, hoy en Valladolid donde ha presentado su documental "Frankestein 04155"
A cinta dirixida por Aitor Rei foi escollida polos espectadores do festival cunha nota de 9.53

O documental Frankenstein-04155, sobre o accidente do Alvia no barrio compostelán de Angrois, foi escollida como cinta gañadora da XXIX edición do festival Cineuropa.

Segundo informou a organización do festival, a cinta, do ourensán Aitor Rei e producida por Boneca Lareta, obtivo unha nota de 9,53 por parte do público que asistiu á súa estrea no marco do Cineuropa, o pasado 18 de novembro.

Os condicionantes que influíron antes e logo da posta en marcha da liña Ourense-Santiago, onde se produciu o descarrilamento provocando 81 mortes e 144 feridos, así como o peso do modelo Alvia S-730, centran esta película, que foi impulsada pola plataforma de vítimas e financiada a través de achegas de particulares mediante unha plataforma de crowdfunding.

Este recoñecemento súmase á mención especial que a cinta obtivo na 60 edición da Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci), onde competía na sección de documental Doc.España.

ESPAZO PARA A DENUNCIA SOCIAL. Para a organización de Cineuropa, este premio avala a decisión dos responsables do festival de facer de Cineuropa un espazo para a "denuncia social", posto de relevancia tamén coa emisión de cintas que se centran na traxedia dos refuxiados, como Mediterránea ou Flotel Europa.

A maiores, puidéronse ver películas contra a violencia de xénero, como Paulina ou Nahid, sobre a memoria do pasado recente, como Invasión, ou da situación marxinal dos indios nativos en Estados Unidos, Song my brother caught me ,así como un pase especial de Caudillo , de Basilio Martín Patino, o 20 de novembro, no 40 aniversario da morte do ditador Francisco Franco.

Cineuropa premiou este ano ao director mexicano Arturo Ripstein polo seu máis de medio século de traxectoria, e ao portugués Miguel Gomes, un dos máis recoñecidos valores da vangarda cinematográfica do país veciño.

No caso da Sección Oficial, a gañadora foi a película Lle Nouveau, comedia francesa coa que se inaugurou esta edición e que obtivo unha nota de 8,46. En Panorama Internacional, a vencedora, cun 8,35, foi O botón de nácar.

Cineuropa concluíu o pasado domingo a súa edición número 29, na que foron proxectadas máis de 300 películas ás que asistiron case 30.000 espectadores.