Redrum inicia en Rianxo os ensaios de 'Un home con lentes de pasta'

Reparto de 'Un home con lentes de pasta.' EP
A compañía inicia unha residencia artística de tres semanas en Rianxo para encarar o treito final de ensaios desta comedia teatral escrita por Jordi Casanovas que se presentará os días 7 e 8 de maio en Ourense

Redrum Teatro inicia este luns unha residencia artística de tres semanas no Auditorio Municipal de Rianxo para encarar o treito final de ensaios da que será a súa nova montaxe: Un home con lentes de pasta.

Dirixida polo lalinense Alex Sampayo, a obra trae o galego unha comedia surrealista escrita polo dramaturgo catalán Jordi Casanovas, autor de obras tan exitosas como Jauría ou Ruz-Bárcenas.

Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Laura Míguez e Fernando González conforman o elenco dunha peza que pon o foco nas relacións persoais e no efecto que teñen sobre elas as aparencias, o narcisismo, a manipulación e a impostura. Dalgún xeito, esta montaxe trae aos nosos días con grandes doses de humor o conto do emperador espido para radiografar unha conduta intrínseca á condición humana, pero exacerbada nestes tempos de inmediatez e redes sociais: o parecer antes que o ser. En definitiva, un xogo escénico repleto tanto de crítica coma de ironía sobre a camuflaxe e as súas costuras que Redrum estreará no Teatro Principal de Ourense os próximos 7 e 8 de maio. A compañía regresará a Rianxo para representar a obra o vindeiro 22 de outubro. 

O espectáculo, dirixido, traducido e adaptado por Alex Sampayo, está protagonizado por Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Laura Míguez e Fernando González

A obra, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de axudas á creación escénica da Agadic e coa colaboración do Concello de Rianxo a través desta residencia artística, preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra un vello desexo: escribir. Traerán a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos. Pero a Guillerme non o van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis. E Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

Un home con lentes de pasta será, tras Idiota, o segundo texto que Redrum Teatro leve a escena de Jordi Casanovas, un dos dramaturgos con maior proxección no panorama estatal. Autor de montaxes tan exitosas e pegadas á actualidade como Ruz-Bárcenas ou Jauría, teatro documental que xorde do caso de La Manada, Casanovas ten asinado unha trintena de textos teatrais. Na súa produción, tamén destaca a exploración dos límites do humor, o dominio da sátira ou o suspense en obras como Mala broma, Gazoline ou, precisamente, Un home con lentes de pasta, pola que recibiu galardóns como o Serra D’or ao mellor texto teatral, o galardón de mellor espectáculo nos Premios Time Out , o premio Mi Butaquita de mellor obra no 2014 e que foi finalista ao texto catalán nos Max do 2011.

A compañía, ademais de contar cun elenco conformado cos xa citados Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Fernando González e Laura Míguez, tamén contará cun equipo artístico que inclúe a Davide González na composición do espazo sonoro, a Carlos Álvarez-Ossorio no deseño de iluminación ou María Illobre na caracterización de personaxes.