Abanca celebra a súa primeira convención corporativa en Portugal

Convención de Abanca en Portugal. TWITTER

Máis de 500 persoas participaron no evento

Máis de 500 persoas participaron este mércores en Lisboa na primeira convención corporativa de Abanca en Portugal. Convocada baixo o título de Xuntos inauguramos o futuro, a cita forma parte das actividades planificadas como arranque da nova etapa do banco no país tras a integración de Deutsche Bank PCB Portugal.

O evento contou coa participación do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas; o director xeral de Negocio Internacional, Alfonso Caruana; o country head de Abanca en Portugal, Pedro Pimenta, e o head of sales, Nuno Leal.

Na súa intervención, o presidente de Abanca repasou o proceso de "transformación" levado a cabo pola entidade desde 2014. "Situámonos como unha das entidades con mellor perfil financeiro en España, superamos os nosos obxectivos de negocio e resultado, alcanzamos o rating de investment grade e crecemos en Portugal, Estados Unidos e España", destacou.