Adolfo Domínguez reduce un 92,7% as súas perdas no pasado exercicio

A firma téxtil pasa dunhas perdas de 6,9 millóns de euros a unhas de 500.000 de euros

Directivos de Adolfo Domínguez. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Directivos de Adolfo Domínguez. BRAIS LORENZO (EFE)

A firma téxtil Adolfo Domínguez reduciu un 92,7 % as súas perdas no resultado neto atribuído publicado este martes na presentación dos resultados da súa actividade durante o exercicio 2018/-2019 ao pasar dunhas perdas de 6,9 millóns de euros a unhas de 500.000 de euros, segundo os datos comunicados á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A empresa galega facturou no último exercicio 111,9 millóns de euros, un 1,6 % menos que no anterior, que foi de 113,7 millóns de euros, e a súa marxe bruta tamén descendeu lixeiramente en 0,3 %, mentres que os seus gastos operativos creceron en 5,4 %.

O resultado operativo (Ebitda) foi positivo de 1,2 millóns de euros, fronte ao negativo de 2,2 millóns de euros do anterior exercicio, o que supón o primeiro positivo en sete anos, indica a firma nun comunicado.

A posición financeira neta aumentou en 17,6 % con activos financeiros por valor de 12,49 millóns de euros o pasado 28 de febreiro, fronte a 11,09 millóns de euros un ano antes.

A firma téxtil, afectada de perda durante varios anos, empezou fai un par de anos unha expansión en varios países de Latinoamérica e abriu canles de venda online para tratar de aumentar as súas vendas e sanear o seu negocio.

Comentarios