O grupo aeronáutico Airbus anunciou este mércores que quere recortar 2.362 empregos na súa división de defensa e espazo, 630 deles en España. Entre as causas está a mala aceptación do seu avión militar A400M, que non dá os ingresos esperados.
Tras a reunión da dirección do grupo aeronáutico cos representantes sindicais europeos en Alemaña, Airbus asegurou que "os plans presentados aos representantes dos empregados prevén a redución de 2.362 postos de traballo ata finais do próximo ano: 829 en Alemaña, 357 no Reino Unido, 630 en España, 404 en Francia e 142 noutros países".
O impacto será maior no programa de avións militares 400M que se ensamblan en Sevilla, polo que Airbus provisionou 1.200 millóns tras unha revisión á baixa das súas previsións de futuras entregas de exportación, e no de espazo, debido ao incremento da competencia.
Sindicatos con representación no sector como UXT, CC.OO. e CCP anunciaron mobilizacións
A decisión prodúcese tras tres anos nos que os pedidos non se axustaron á previsión —fabricaron máis aparellos dos vendidos—. Ademais, a entrada de novos competidores na área de espazo ou a situación dos avións Boeing 737 MAX, nos que Airbus concentra algún traballo de fabricación e se viu lastrado pola posta en terra do modelo tras dous accidentes mortais, tamén influíron na decisión.
"Estas medidas virán acompañadas dun programa intensivo de rendibilidade e doutras accións destinadas a incrementar a competitividade a longo prazo e a salvagardar o posicionamento futuro da división", sinalou Airbus nun comunicado.
Airbus Defensa e Espazo iniciaron este mércores un proceso de consulta co comité de empresa europeo da compañía en relación coa reestruturación prevista pola división. A compañía, que rexistrou unhas perdas en 1.362 millóns en 2019, avanzou a súa intención de realizar unha reestruturación por primeira vez en decembro do ano pasado.
Sindicatos con representación no sector como UXT, CC.OO. e CCP anunciaron mobilizacións.
O persoal español supón un 9,4% da total de Airbus, que conta con 133.700 empregados de 135 nacionalidades diferentes, presentes en 35 países e en máis de 180 sedes.
Do total dos empregados de Airbus en España, 6.163 traballan nas localidades madrileñas de Getafe e 1.266, en Barajas. Tamén ten persoal en Andalucía e Castilla-La Mancha.