O Banco Santander deixa de estar imputado na quebra do Popular

A presidenta do Banco Santander, Ana Botín. PEDRO PUENTE HOYOS (EFE)

O auto conclúe que non hai "dato algún" que indique a participación da entidade nos feitos, pois non interveu na ampliación de capital nin na suposta manipulación do valor das accións 

A Audiencia Nacional admitiu a trámite o recurso presentado polo Banco Santander contra a súa imputación en calidade de herdeiro na causa que investiga a quebra e liquidación do Banco Popular, en contra do criterio da Fiscalía, e deixa sen efecto a súa condición de investigado.

O pasado 11 de abril, o Ministerio Público rexeitou o recurso da entidade que preside Ana Botín xa que, a pesar de que o banco non tiña antes da fusión responsabilidade penal nos feitos, si se lle debe atribuír á nova sociedade.

O titular do xulgado central de instrución nº 4, José Luís Calama, xa rexeitou o pasado 20 de marzo outro recurso do Santander, ao considerar que é necesaria a súa presenza "en concepto de investigado, con todos os dereitos propios de tal condición".

No auto coñecido este martes, a Sala recorda que o Santander deixa de estar imputado "sen prexuízo do que máis adiante e, resultado das dilixencias de investigación, puidese resultar, manténdose a súa lexitimación como responsable civil".

O Banco Santander, prosegue o auto, non tiña "ningunha imputación nin responsabilidade penal como consecuencia dos feitos que se investigan, polo que non se poden trasladar sen máis os posibles defectos de organización da entidade absorbida -o Popular-.

Non hai "dato algún" que indique a participación "nin sequera indiciaria" do Santander nos feitos, pois non interveu na ampliación de capital investigada nin na suposta manipulación do valor das accións do Popular.

Por iso, entende a Sala que o Santander non ten que responder por feitos nos que non tivo ningunha intervención "nin culposa nin dolosa".

Os maxistrados recordan, ademais, o precedente de Banco de Valencia, non se comprende que naquela ocasión unha entidade que recibira diñeiro público -6.500 millóns de euros- fose apartada da investigación sobre a súa quebra, en tanto que agora trátase dun proceso privado no que non interveu o Estado e non houbo desembolso de fondos públicos.

Tras a venda ao Santander do Banco Popular por un euro en xuño de 2017, o entón titular do xulgado Central de Instrución número 4, Fernando Andreu, admitiu a trámite diversas querelas contra os expresidentes do Popular Ángel Ron e Emilio Saracho, os seus respectivos Consellos de Administración, PwC e o seu socio auditor, por presuntos delitos de falsidade societaria, administración desleal e apropiación indebida, entre outros.

O maxistrado acordou entón a apertura de dúas pezas separadas, a primeira delas pola ampliación de capital de 2016, e a segunda por unha posible manipulación do mercado tras a publicación de noticias con datos e información presuntamente falsos para facer caer o valor das accións e obter beneficios.