Calviño buscará avanzar nas novas regras fiscais da UE no cume do Gaiás

Santiago acolle o venres ao Eurogrupo e un debate sobre investimentos en Latinoamérica. O sábado, o Ecofin abordará a contención do déficit
Nadia Calviño.EFE
photo_camera La vicepresidenta primera y ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño. EFE

O venres arrinca na Cidade da Cultura a reunión informal de ministros de Asuntos Económicos e Financeiros da UE, unha cita de dous días que, ademais, buscará reforzar a cooperación económica con América Latina e o Caribe. As cifras dan idea da transcendencia do foro, que reunirá a 60 países, que representan o 14% da poboación e o 21% do PIB mundial. Coa vicepresidenta primeira e titular de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, como anfitrioa, a capital galega acollerá a medio centenar de ministros e representantes de organismos multilaterais e das principais entidades financeiras.

Será a "reunión informal de ministros máis grande organizada" durante a Presidencia española da UE como curiosidade, terá lugar "na cidade máis pequena de todas aquelas que albergarán reunións informais", destacaron este martes fontes gobernamentais.

O evento ao máis alto nivel comezará o venres coa reunión dos titulares de Finanzas da eurozona —o Eurogrupo—, que será o preludio da cita que ao día seguinte manterá o Ecofin, que congregará aos 27 membros da UE. O sábado, Calviño repasará o estado do expediente co que Bruxelas busca reformar as regras fiscais ás que os estados se terán que adaptar para volver axustar os niveis de strong <>débeda e déficit público tras o impacto do covid e a guerra de Ucraína.

Cabe recordar que o compromiso dos socios é chegar a un acordo no que resta de ano. Mantendo como referencia os marcos do Pacto de Estabilidade e Crecemento —que fixou o tope de strong <>débeda no 60% do PIB e no 3% o límite para o déficit—, en abril a Comisión Europea (CE) propuxo unha nova regra. Expuxo que todos os estados cuxas contas rexistren un desequilibrio que supere os topes reduzan esa desviación a un ritmo de medio punto anual. Para logralo, cada país deberá presentar un plan de reformas e investimentos, que deberá contar a aprobación da CE e o Consello Europeo. Un bloque capitaneado por Alemaña pediu ir máis aló, cunha redución mínima dun 1% anual.

O obxectivo da cita informal de Santiago é revisar os avances logrados durante o verán de face a presentar unha proposta de acordo no Ecofin de outubro. En xullo, España obtivo o respaldo dos socios á proposta que presentou para guiar a reforma, con catro alicerces: equilibrio institucional, salvagardas para asegurar un nivel de redución de débeda mínimo, incentivos para investimentos e reformas e cumprimento.

A Cidade da Cultura acollerá a medio centenar de ministros de Finanzas. Estarán representados 60 países, o 21% do PIB mundial

Os ministros dos 27 tamén farán un repaso da situación económica e das perspectivas, coa intervención do presidente do Eurogrupo, Paschal Donohoe. Ademais, espérase que a primeira espada do Banco Central Europeo, Christine Lagarde, reflexione sobre a decisión que mañá tomará o consello de goberno do BCE en relación á evolución dos tipos de interese. Na última sesión, abordarase, así mesmo, a substitución de strong <>Fabio Panetta como membro do comité executivo do BCE e departirase sobre seguridade económica e provisión de bens públicos.

O venres, o foro pivotará sobre temas de interese común para a UE e Latinoamérica e o Caribe. Sobre a mesa estarán os investimentos do programa Global Gateway, que prevé a inxección de 45.000 millóns por parte da UE alén do Atlántico. Hai 130 proxectos identificados para combater a pobreza e promover a dixitalización e a transición verde. Na xornada inaugural, o Gaiás tamén será escenario de debate sobre a rede de seguridade financeira global. E o Banco Interamericano de Desenvolvemento celebrará un almorzo sobre a protección da Amazonía.

CALVIÑO E A PRESIDENCIA DO BEI. Na orde do día do foro, que conta con 350 medios de comunicación acreditados e que congregará a 1.600 asistentes, non figura que os ministros se postulen sobre a candidatura de Calviño á presidencia do Banco Europeo de Investimentos (BEI). Fontes do Executivo central indicaron que é ministro belga Vincent Van Peteghem —que ocupa a presidencia rotatoria da xunta de gobernadores do BEI— o que pilota o proceso e que o venres informou as candidaturas en liza. Agora, inicia os contactos co resto de gobernadores para coñecer as súas preferencias e non se descarta que o debate se poida introducir na axenda da cita compostelá. Optimista, o Goberno defende que a proposta de Calviño —que ten entre os seus rivais á comisaria de Competencia, Margrethe Vestager— é "potente".