¿Como pode afectar os prezos do petróleo a guerra en Oriente Medio?

O cru sobe un 4% cos focos postos sobre a implicación de Irán na contenda. De confirmarse a súa participación, os analistas auguran que o Brent podería alcanzar os 120 dólares e encarecer máis os carburantes, ademais de dificultar o control da inflación
Pozo de extracción de petróleo.PIXABAY
photo_camera Pozo de extracción de petróleo. PIXABAY

Tras experimentar un certo alivio desde a última semana de setembro, o petróleo retomou este luns a escalada alcista como consecuencia da guerra entre Israel e a organización islamita palestina Hamás. O barril de Brent, de referencia en Europa, roldaba os 88 dólares pasadas as sete da tarde, reflectindo un repunte próximo ao 4% con respecto ao peche anterior. Alén do Atlántico, o Texas chegou a superar os 86 billetes verdes.

¿Cales son as expectativas? Nun escenario no que a xeopolítica volveu a disparar a incerteza como sucedeu con Ucraína, os expertos sinalan que unha das claves está na implicación de Irán na contenda. Este luns, The Wall Street Journal apuntou que Teherán colaboraría con Hamás desde agosto para preparar o ataque e que os contactos se desenvolveron en Beirut.

O analista de XTB Manuel Pinto manexa tres escenarios. Na "base", o cru non superaría a barreira dos 100 dólares. O especialista en índices e materias primas recorda que pronto se cumprirán os 50 anos da crise do petróleo de 1973, que se detonou despois de que a Opep decidise non exportar máis cru aos países que apoiaran a Israel durante a guerra do Yom Kipur, que enfrontou a Xerusalén cunha coalición de estados árabes encabezados por Siria e Exipto. Entón, os prezos do ouro negro triplicáronse. Pinto sinala que, nesta ocasión, o conflito "non é global", pois os países árabes "non están a atacar a Israel ao unísono". Outra diferenza coa crise do 73 é que, entón, o consumo de cru crecía, unha situación que agora non se dá polo avance das renovables.

O segundo escenario que manexa XTB é menos factible aínda que "cada vez" gana "máis probabilidades". E é que a situación pode empeorar, elevando o custo do barril entre os 100 e os 120 dólares, se Israel conclúe que, efectivamente, Teherán colaborou con Hamás. A casa de análise sinala que, desde finais do ano pasado e mentres a Opep vén implementando unha política de recorte da produción para manter altos os prezos, Washington está a facer "a vista gorda" co aumento das exportacións de cru por parte de Irán, que está a eludir así as sancións estadounidenses. "Como resultado, a produción de petróleo iraniano aumentou en case 700.000 barrís por día este ano", indica Pinto, que ve "probable" que, se se confirma a implicación de Teherán na contenda, a Casa Branca opte por facer cumprir e incluso aumentar as sancións, o que repercutirá nos prezos.

O terceiro escenario, o máis extremo, levaría esta materia prima por encima dos 150 dólares e materializaríase se Israel responde "atacando as instalacións nucleares de Irán".

INFLACIÓN. Máis aló do mero aumento do custo do barril, o traslado aos carburantes dificultaría máis o control da inflación –que en España escalou ata o 3,5% en setembro–, o que podería levar aos bancos centrais a aplicar novas subidas de tipos de interese. 

Comentarios