Conde resalta en China o potencial do sector agroalimentario galego

Conde, na Feira Internacional de Importación de China. XUNTA

Catorce empresas da comunidade exhiben os seus produtos na Feira Internacional de Importación celebrada en Xangai

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, enxalzou este xoves en China o potencial do sector agroalimentario galego, que considera imaxe da Marca Galicia no mercado internacional. 

Así o asegurou durante a celebración en Xangai do Día de Galicia na Feira Internacional de Importación de China, onde exhiben os seus produtos as 14 empresas galegas que a Xunta acompaña en misión comercial. 

En concreto, trátase de Pescanova, Albo, Bodegas Martín Códax, Vinigalicia, Viña Costeira, Lanzal-Galfrío, Galmesano, Meles Anta, Mexillóns Nidal, Feiraco Lácteos, Adegas Terras Gauda, Grupo Pereira, Grupo Coren e Aceites Abril. 

Ao acto asistiu o equipo directivo da multinacional Bright Food, que apoiou a presenza de Galicia neste evento cedéndolle un espazo propio no seu expositor; e o vicealcalde de Xangai, Chen Yi, que asistiu á celebración xunto a representantes da Autoridade Portuaria de Vigo, da Cámara de Comercio da Coruña e do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

UN "VERDADEIRO FITO". Na súa intervención, Conde sinalou que o feito de que Galicia poida participar nunha feira internacional tan importante "supón un verdadeiro fito" para a industria agroalimentaria galega e "o mellor escaparate" para mostrar as súas calidades. 

"Unha ocasión inmellorable", profundou, para as empresas do sector agroalimentario galego, "que tiveron a oportunidade de expor os seus produtos de calidade, de innovación, que están a situar a marca 'Galicia Calidade', en todo o mundo e principalmente aquí, en China". 

Nesta liña, reiterou o seu agradecemento aos responsables da multinacional chinesa Bright Food por facer posible que Galicia sexa unha das rexións que estea presente neste evento, que acolle a máis de 2.800 empresas de 130 países e concentra a máis de 100.000 compradores profesionais. O conselleiro confiou en que este evento contribuirá a situar a 'Marca Galicia' no mercado asiático. 

Galicia é a oitava comunidade autónoma máis exportadora de produtos agroalimentarios cara a China, cun 4% do total das exportacións españolas; e China representa o oitavo destino das vendas ao exterior tanto do sector agroalimentario galego como español.