Dous letrados vascos defenden gratuítamente a unha familia para evitar o seu desafiuzamento

Decenas de persoas celebran unha concentración de protesta contra o seu desafiuzamento na mesma xornada que o xuízo na que participou o alcalde, Jorge Suárez

Algo menos de medio centenar de integrantes da Plataforma de Afectados pola Hipoteca Ferrolterra (PAH Ferrolterra) e Stop Desafiuzamentos concentráronse este martes ante os xulgados de Ferrol para demandar que non se execute o desafiuzamento dunha familia de seis membros, os proxenitores e os seus catro fillos, aos que defenden de xeito gratuíto dous avogados vascos.

Segundo explicaron, os afectados polo desafiuzamento deixaron de abonar nos últimos meses máis de 4.000 euros como consecuencia da falta de ingresos. Neste acto reivindicativo ante os xulgados de Ferrol tamén estivo presente o alcalde da cidade, Jorge Suárez (FeC). A concentración realizouse coincidindo coa vista que se celebrou no Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ferrol e que quedou vista para sentenza.

Da defensa dos moradores da vivenda, sobre a que se solicitou unha hipoteca superior aos 200.000 euros en 2004, e da que xa se abonou máis da metade, encargáronse, de xeito gratuíto e sen custo económico para os interesados, dous letrados vascos, José María Erausquin e Maite Ortiz, do despacho de avogados Res de San Sebastián. Estes acudiron á cidade naval de xeito "altruísta e desinteresado", tal e como eles mesmo aseguraron en rolda de prensa.

Segundo Maite Ortiz, a súa oposición á execución hipotecaría baseouse en buscar unha "saída e un método de pago para que esta familia poida seguir gozando da súa vivenda cunhas cotas que se adapten e adecuen á economía familiar destes momentos". Respecto diso, criticou que a entidade de crédito, o Banco de Santander, "tras varios atrasos decida resolver e en virtude da capacidade que ten, decida pedir a totalidade do préstamo".

"HAINOS TODOS OS DÍAS." José María Erausquin asegurou que desafiuzamentos hainos todos os días, e menos do 10 por cento fanse públicos", para engadir que o resto son "entregas de chaves discretas, avergoñadas e case clandestinas e sen que os afectados queiran exercer os seus dereitos". Actualmente, segundo comentou, a lexislación permite "opoñerse a un desafiuzamento por cláusulas abusivas, pero moitos afectados non o coñecen e o único que fan é resignarse".