Ecoener crecerá en 2024 en República Dominicana con 5 parques solares

Inaugura as súas dúas primeiras instalacións, que supoñen 229 millóns en ingresos en 15 anos
El presidente de la República Dominicana, Luis Abinader, saluda al presidente de Ecoener Luis de Valdivia. CEDIDA
photo_camera El presidente de la República Dominicana, Luis Abinader, saluda al presidente de Ecoener Luis de Valdivia. CEDIDA

A enerxética coruñesa Ecoener inaugurou este venres na República Dominicana dúas plantas solares fotovoltaicas nun acto ao que acudiu o mandatario Luis Abinader. Cunha potencia instalada de 97 MW en conxunto, Cumayasa 1 e 2 producirán enerxía limpa para abastecer a 48.000 fogares cada ano e evitarán emitir 140.000 toneladas de CO2. Trátase das primeiras explotacións fotovoltaicas que a compañía presidida por Luis de Valdivia desprega no país caribeño e con elas o grupo dispón a nivel global de 341 MW operativos, 277 MW en construción e outros 1.441 en desenvolvemento. Con proxectos en curso en varios países europeos, Ecoener prevé alcanzar os 1.000 MW instalados e en construción a finais de 2025.

No acto, ao que acudiron diveras autoridades, o presidente de Ecoener destacou que con estas instalacións a firma galega "dá un importante salto dimensional". "Todo iso garante a solidez e a confianza no futuro da nosa compañía e nos nosos activos", remarcou o empresario de raíces lucenses, que augura unha etapa de forte "crecemento diversificado" e de "estabilidade" nos ingresos.

Na folla de ruta da enerxética figura pechar 2024 con cinco parques fotovoltaicos en funcionamento no país, que sumarán unha potencia instalada de 279 MW. O investimento ascenderá a 289 millóns de dólares, uns 264 millóns de euros ao cambio.

Os dous parques solares inaugurados este venres garanten 250 millóns de dólares (228,5 millóns de euros) en ingresos nos próximos 15 anos a través dos contratos bilaterais de subministración (PPA) asinados cunha das principais comercializadoras e distribuidoras de enerxía dominicanas. As proxeccións da compañía pasan por sumar unha terceira instalación en Cumayasa para engadir outros 62 MW a finais de 2024. E xa están en construción outras dúas explotacións en Payita, ao norte do país, que sumarán 120 MW e que tamén estarán terminadas o próximo ano.

ENERXÍA E PASTOREO. Nun comunicado, Ecoener explicou que activou un proxecto de agrivoltaica que combina produción de enerxía solar co pastoreo de ovellas demostrando a compatibilidade de ambas as actividades. A compañía pon en valor, ademais, que a instalación dos paneis foi realizada maioritariamente por traballadoras, dinamizando a economía social a nivel local.

Comentarios