As eléctricas comezarán a cargar no recibo deste mes os tributos autonómicos de 2013
As eléctricas comezarán a trasladar aos consumidores na factura da luz deste mes as recargas correspondentes aos impostos que 14 comunidades imputaron en 2013 ás enerxéticas cando tocaba repercutilos no recibo. Farano despois de que nos últimos meses o Tribunal Supremo (TS) tombase os recursos presentados pola Xunta e outros gobernos autonómicos contra a orde que o Ministerio para a Transición Ecolóxica elaborou, establecendo a obrigatoriedade de refacturar eses suplementos territoriais. O texto, publicado no Boletín Oficial do Estado (Boe) o 12 de marzo, estipulaba que as comercializadoras iniciarían as regularizacións na primeira factura emitida "unha vez transcorridos seis meses" desde a entrada en vigor do texto o día 13 de marzo, polo que toca facelo agora.
Os galegos serán os máis afectados, pois abonarán 37,65 millóns de euros dunha derrama que, en total, ascende a 112,45 millóns.
No caso dos galegos, o Executivo central estima que, para un consumidor doméstico cunha factura media anual de 600 euros, o impacto será de 15,75 euros en total, isto é, uns 1,3 ao mes.
O 19 de xuño, o TS denegou a suspensión cautelar da orde solicitada pola Xunta, instando o Executivo galego a dar cumprimento á sentenza que ditou en xuño de 2014, cuxo contido foi referendado en sucesivos fallos. O Supremo mandou así imputar aos usuarios o recadado en 2013 polo canon eólico, o de saneamento, o imposto sobre a contaminación e o que grava as centrais hidráulicas, máis intereses legais.
As orixes
O conflito remóntase a 2012, cando a reforma da lei do sector eléctrico impulsada por Rajoy fixou como obrigatorio repercutir ao consumidor o custo dos impostos autonómicos que gravasen as actividades ou instalacións de produción eléctrica. Pero, o Executivo non fixo efectivo os suplementos territoriais no seu momento pola dificultade que carrexaba a súa execución, de forma que en decembro de 2013 derrogouse a lei. As eléctricas recorreron ao Supremo, que lles deu a razón, obrigando a cargar esas recargas aos usuarios mentres a norma estivo en vigor.