A comarca de Pontevedra é un referente en mulleres emprendedoras. Exemplo diso son María Fernanda Castro, Susana Luaces e Belén Trabazo, que este xoves foron galardoadas na primeira edición dos Premios ao Emprendemento en Feminino, convocados por Sar Comunicacións en colaboración co Concello de Marín e o Plan Social de Ence Pontevedra.
Os galardóns, que nacen para dar visibilidade a proxectos impulsados por mulleres en Pontevedra, Poio e Marín, entregáronse este xoves pola tarde nun acto celebrado na sede da Autoridade Portuaria marinense e no que participaron, ademais das premiadas, representantes do tecido social e empresarial da comarca.
Castro, Luaces e Trabazo —de Gaura, Gonvauto e Codisoail, respectivamente— foron recoñecidas pola súa traxectoria á fronte de proxectos que apostan pola innovación e a sustentabilidade, dúas palabras que, xunto a de emprendemento, repetíronse numerosas veces ao longo do acto, que estivo presentado pola xornalista de Diario de Pontevedra María Varela.
O presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, foi o encargado de abrir unha gala na que as homenaxeadas recibiron unha figura de Frida Kahlo elaborada en artesanía de Sargadelos. Ademais das intervencións das diferentes autoridades, organizadores e colaboradores, proxectáronse tres vídeos sobre a traxectoria das galardoadas, que confirmaron o músculo feminino no emprendemento.
Este sábado, especial Premios ao Emprendemento en Feminino
Diario de Pontevedra publicará este sábado un especial sobre a entrega dos premios convocados por Sar Comunicacións en colaboración co Concello de Marín e #enceplansocialpontevedra.