A escalada do aluguer complica aínda máis o acceso de mozos á vivenda

Un mozo examina varios anuncios de vivendas. AEP

Pagar unha renda media require máis da metade do salario dos galegos menores de 35 anos

Di o consello dos expertos que o aluguer dunha vivenda non debe consumir máis dun 30% dos ingresos dun fogar, pero en moitos casos, se non é imposible, resulta moi complicado. E aínda o é máis cando os arrendamentos soben máis rápido que os salarios e o mercado de traballo segue lastrado polo paro e a temporalidade. Que llo digan se non a un dos colectivos nos que o aluguer ten máis peso, o dos mozos, que é tamén dos máis castigados a nivel laboral pola crise e cando ten soldo adoita ser menor que o dos traballadores con máis idade. Combinado todo, despois de que as rendas se abaratasen na crise, as subidas están a complicar o seu acceso á vivenda, e con iso a súa emancipación.

Dan idea das dificultades os números que publicou durante varios anos o Consejo de la Juventud de España, segundo os cales un aluguer medio en Galicia comería algo máis da metade do soldo dunha persoa de menos de 35 anos. Iso é así porque, segundo o último informe —do primeiro semestre de 2017—, o arrendamento dunha vivenda libre roldaría os 452 euros e o salario neto por baixo desa idade, os 9.750 ao ano. O resultado é que en caso de afrontar o custo da vivenda en solitario esa factura levaría o 55,6% dos ingresos, mentres que en 2013 era o 44%. Cabe supor que a porcentaxe se elevou no último ano coa alza dunhas rendas impulsadas polo aumento da demanda e o tirón da vivenda vacacional.

SUBIDA. O portal Idealista, o mesmo a partir do que o Consejo de la Juventud calculaba os prezos, estima que ao peche do primeiro semestre de 2018 os alugueres encarecéronse un 7,3% en Galicia en relación a un ano antes, para prolongar o ascenso tras a caída da crise e superando amplamente o repunte dos salarios, dun 1,4% na comunidade. Nun mercado con poucos datos oficiais e diversidade nos do sector, outros coñecidos van na mesma liña, porque Servihabitat calculaba en marzo unha alza interanual dun 6,6% e Tecnitasa cifrábaa en maio nun 7,7%.

Todos coinciden tamén en que a subida media en España foi aínda maior, sobre uns prezos que xa eran bastante superiores. Así é que, de media, un español por baixo dos 35 anos debía dedicar en 2017 o 85% da nómina —que roldaría ao ano os 10.780 euros— ao aluguer en caso de pagar a renda media, duns 767. O esforzo aínda é maior nas comunidades máis caras, ata o punto de que en Balears e en Cataluña o soldo medio nin sequera sería suficiente para abonar un arrendamento medio. E en Madrid quedarían apenas 10 euros para os recibos ou comer todo o mes.

Fronte a eses números —froito de arrendamentos medios disparados que superan os 1.000 euros—, e a pesar de ter soldos máis baixos, Galicia aparece como a cuarta comunidade co aluguer máis accesible na comparación cos salarios, aínda que supere o recomendado. Basta con ver o que o Consejo de la Juventud chama "renda máxima tolerable", a que se podería pagar sen superar o 30% do soldo: 244 euros. En metros cadrados o teito estaría nos 45, se é que se atopa algo por ese prezo.

O estudo constata que o aluguer é máis asumible para a economía dun fogar novo —este dedicaríalle de media un 29,8% dos ingresos— que para unha persoa soa. E evidencia que o peso sobre o salario se reduce coa idade, ao 40% entre os 30 e 34 anos.

E COMPRAR? O 54% dos mozos galegos emancipados viven de aluguer, pero tamén hai a opción de comprar. Que tampouco é fácil. O Consejo de la Juventud calcula que, de media, un asalariado menor de 35 anos tería que dedicar en 2017 un 52% do soldo para afrontar o pago inicial dunha hipoteca polo 80% do prezo medio dunha vivenda libre. É algo menos que no aluguer, pero deberíase reunir o 20% que non cubriría o préstamo. E eses prezos tamén están a subir, un 0,8% no primeiro trimestre segundo os datos do Ministerio de Fomento.

Custo de acceso a un aluguer medio (*)
Comunidade Un fogar En solitario
Balears 70,9% 136,1%
Cataluña 61,9%  115,1%
Madrid 57%  99,1%
Canarias  45,6% 84%
Andalucía 45,5% 73,7%
Murcia 44,3% 65,4%
País Vasco 43,5% 78,2%
C. Valenciana  41,3% 73,9%
Cantabria 36% 62,5%
Castela-A Mancha 32,4% 56,2%
Castela e León 31,6% 58,3%
Aragón 30,3% 58,5%
Navarra 30,2% 62,6%
Galicia 29,8% 55,6%
Estremadura 28,1% 48,6%
Asturias 27,1% 52%
A Rioxa 26,2% 50,2%
Media española 48,3% 85,4%

(*) É o % do salario medio dos menores de 35 anos necesario para pagar o importe dun aluguer medio en cada comunidade.