Facua denuncia a oito cadeas de distribución por posibles pactos no prezo do aceite

Traslada á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia que todas venden a 9,25 euros o litro de virxe extra de marca branca e que levan tres meses con importes "idénticos"
Aceite de oliva en los lineales de un supermercado.EP
photo_camera Aceite de oliva en los lineales de un supermercado.EP

A asociación de consumidores Facua levou a oito cadeas de distribución ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) coa sospeita de que pactaron o prezo do aceite de oliva virxe extra das súas marcas brancas. A organización dá este paso tras observar que eses grupos de supermercados cobran pola botella dun litro dese ouro líquido de marca propia o mesmo: 9,25 euros, segundo a análise que realizou a inicios de novembro. Advirte que "levan xa tres meses" con prezos "idénticos" ou cunha variación mínima, que non supera o céntimo.

Esa similitude tamén a detectou nos envases de 3 litros e nos 750 mililitros, cunha diferenza máxima dun céntimo. Nos aceites de oliva virxe tamén atopou "prezos calcados" nas botellas de 1 e 3 litros das cadeas que as comercializan baixo marcas do distribuidor.

Con ese pano de fondo, Facua puxo sobre aviso ao regulador "a fin de que abra unha investigación e intente pescudar se existe un pacto entre as grandes cadeas de distribución para concertar os prezos deses alimentos esencial. A organización apunta a Alcampo, Aldi, Carrefour, Dia, Eroski, Hipercor, Lidl e Mercadona.

Máis aló de advertir sobre ese posible cártel, a asociación pon o foco nas "subidas paralelas" aplicadas polas grandes cadeas de distribución na marca branca. En novembro, os envases dun litro da virxe extra encarecéronse un 9% con respecto a setembro e outubro. Facua avisa que "poden representar incrementos ilegais nas marxes de beneficio". A razón é que o decreto lei polo que se aprobou a rebaixa do Iva a unha lista de produtos, entre eles o aceite, ata finais de ano prohibe subidas de marxes nos alimentos aos que se aplica ese alivio fiscal pola inflación.

Así, a organización tamén denunciou o encarecemento do aceite ante o Ministerio de Consumo, ao que leva meses trasladando aumentos nos prezos dos artigos co Iva suprimido temporalmente ou rebaixado para que abra unha investigación. Nun comunicado, recorda que o departamento que pilota Alberto Garzón ten competencias para sancionar ese tipo de prácticas.

O aceite de oliva está no punto de mira tras o forte encarecemento que experimentou nos lineais dos supermercados desde antes do verán nun contexto marcado polas malas colleitas. Deoleo, a compañía dona de marcas como Carbonell e Hojiblanca, estima que os prezos do produto non comezarán a baixar ata mediados de 2024.

Comentarios