Gadisa entrega en maio 154.000 quilos de produtos a bancos de alimentos

A empresa agradece a solidariedade e xenerosidade mostrada polos miles de clientes que realizaron o esforzo de contribuír a esta acción

Sede central de Gadisa. EP
photo_camera Sede central de Gadisa. EP

A compañía galega de distribución Gadisa entregou o pasado maio máis de 154.000 quilos de produtos non perecedoiros a bancos de alimentos de Galicia e Castela e León con motivo da sétima edición da campaña de cooperación Maio Solidario.

A campaña, impulsada pola empresa en 193 Supermercados Gadis das dúas comunidades autónomas realízase en favor dos bancos de alimentos de Rías Altas (A Coruña, Ferrol e Santiago), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora e o Banco Veciñal de Teo.

Nun comunicado, Gadisa agradece a solidariedade e xenerosidade mostrada polos miles de clientes que realizaron o esforzo de contribuír a esta acción depositando alimentos nos recipientes habilitados Supermercados Gadis que participaron nesta edición.

A doazón dos clientes foi de máis de 129.000 quilos, aos que a compañía sumou unha achega propia do 20 % desta cantidade.

Desde que en 2013 puxo en marcha esta campaña solidaria, reuníronse en total 932.807 quilogramos.

Esta campaña de doazón de produtos súmase a outras de similares características, como A Gran Recollida, auspiciada pola Federación Española de Bancos de Alimentos, e numerosas colaboracións con diferentes entidades que atenden as necesidades dos menos favorecidos.

Gadisa conta con 222 Gadis, 12 Cash Ifa e 180 establecementos franquiciados Claudio e Claudio Express, situados en Galicia e Castela e León. 

Comentarios