O Goberno carga contra o "desplante" e a "falta de respecto" de Alcoa

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.CABALAR (EFE)

A multinacional di que non acudiu á mesa de traballo porque o Executivo "non achega nada e non vai solucionar nada"

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, cualificou de falta "de respecto" o plante de Alcoa á mesa de traballo que tivo lugar o mércores en Madrid —convocada polo Goberno central— con motivo do Ere que expira a finais deste mes. A preguntas dos xornalistas, Losada asegurou estar "moi encabuxado" coa postura de Alcoa, que cualifica de "impresentable". Na súa opinión, o plante de Alcoa resulta unha "falta de respecto" cara aos traballadores.

"Hai que manter a unidade de acción que lle debemos aos traballadores, porque fraco favor lle podemos facer aos traballadores se hai algunha institución que intente desmarcarse desta acción", di. 

"Todos xuntos (Goberno, Xunta, Principado e concellos da Coruña e Avilés) estamos a intentar garantir os postos de traballo e negociar. Este mércores (a empresa) fixo un desplante a toda a sociedade, pero iso non nos vai a parar porque hai partido", dixo Losada. 

A XUNTA PIDE UNHA RECTIFICACIÓN. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, reclamou unha "rectificación" a Alcoa e ao Goberno central para "desbloquear" o conflito. "O tempo termina e temos apenas 10 días para atopar esas solucións", advertiu.

"Hai que rectificar. Non houbo ningún tipo de avance na reunión deste mércores e xa que logo nós o que expomos desde a Xunta de Galicia é esa necesidade de rectificar", engadiu. 

AS REUNIÓNS CON POLÍTICOS "NON ACHEGAN NADA". Os responsables da multinacional afirmaron este xoves que a empresa non acudiu á mesa de traballo porque "o Goberno nacional non achega nada e non vai solucionar nada". 

Esta explicación foi ofrecida polos responsables da compañía aos membros do comité de empresa da planta de Avilés, xa que os da Coruña non asisten a estas reunións. "A compañía xustificouse da ausencia da reunión de onte (mércores), porque era unha mesa política e non técnica onde non se ía a resolver nada. Parécenos actuar de mala fe por parte da empresa, porque nós só queremos discutir a viabilidade das plantas e o Goberno estatal debe ser o interlocutor", comentou o vicepresidente do comité de empresa, Daniel Cuartas.

Segundo Cuartas, Alcoa segue enrocada en non paralizar o Ere, pero "deixaron a porta aberta a ampliar o período de consultas".

Os representantes dos traballadores pediron aos responsables da empresa, que se quiten datas que crean inquietude entre os traballadores, e ábrase unha negociación para falar de viabilidade, non de despedimentos".

Respecto da actuación do Goberno estatal neste asunto, o comité de empresa teñen claro o que teñen que facer. "Desde Traballo transmítennos que coa lexislación actual non poden botar para atrás o Ere, pero sabemos que o Goberno pode facer un decreto lei, como fan para outras cousas, e intervir directamente para eliminar o expediente de regulación de emprego. Está nas súas mans", explicou Daniel Cuartas. 

O vindeiro luns ás 15.00 horas terá lugar a seguinte reunión entre comité de empresa e multinacional dentro do período de consultas en Madrid.