Impoñen a un home pagar á súa ex 88.000 euros por 26 anos de traballo doméstico

A Audiencia de Pontevedra reduce a contía ao entender que a muller tamén se beneficiou desas tarefas realizadas no fogar. Constata que, ao regresar ao mercado laboral aos 58 anos, ela ten "pouco marxe de aspiracións profesionais"
G
photo_camera Unha muller limpa unha xanela. PIXABAY

Casaron en 1996, tiveron unha filla e romperon o matrimonio 26 anos despois. Para entón, ela tiña 58 anos e, mentres estivo casada, apenas traballou un total de 10 meses fóra de casa. A súa dedicación fundamental foi "o coidado do fogar e a crianza da filla en común", agora maior de idade, mentres que o esposo non deixou de traballar como comercial, acumulando uns aforros valorados en 220.000 euros cando a relación rompeu. Él quedou vivindo no domicilio familiar, da súa propiedade, e ela mudouse a un piso de aluguer, incorporándose ao mercado laboral en outubro de 2021.

Nunha sentenza ditada o pasado novembro e que transcendeu agora, a sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, impón ao exmarido o pago dunha indemnización de 88.025,31 euros "en concepto de compensación" seguindo o que estipula o Código Civil. No seu artigo 1.438, a norma prevé que os cónxuxes "deben contribuír ao sostemento das cargas do matrimonio" e que, a falta de convenio, farano "proporcionalmente aos seus respectivos recursos económicos". Pensando nas amas de casa, o Código Civil engade que o traballo desempeñado no fogar debe ser "computado como contribución ás cargas" e, polo tanto, debe dar dereito "a obter unha compensación" que, a falta dun acordo, deberá ser fixada por un xuíz en caso de separación.

A resolución, contra a que cabe recurso de casación, reduce a compensación que un xulgado de primeira instancia de Vigo ditou en 2022, fixando a contía en 120.000 euros, ademais de recoñecer á muller unha pensión compensatoria de 350 euros mensuais a pagar durante tres anos polo que fose o seu compañeiro e actualizable conforme ao IPC.

Desconformes, ambos apelaron, e agora a Audiencia de Pontevedra dá en parte a razón ao exesposo, que demandou reducir a indemnización a 60.000 euros e que reclamou tombar a pensión compensatoria, alegando que a muller comezou a traballar "de inmediato" tras a ruptura, "percibindo os correspondentes ingresos".

A Audiencia Provincial recoñece que ela volveu ao mercado de traballo cunha idade que lle deixa pouco marxe de aspiracións profesionais" e que lle corresponde a pensión compensatoria

ela, en cambio, reclamou elevar a indemnización a 183.629,36 euros, calculados "conforme ao salario mínimo interprofesional (SMI) durante os anos de matrimonio", restando os dez meses nos que traballou nese período.

Agora, a Audiencia Provincial recoñece que ela volveu ao mercado de traballo cunha idade que lle deixa pouco marxe de aspiracións profesionais" e que lle corresponde a pensión compensatoria. Seguindo a doutrina fixada polo Supremo –que estableceu que a indemnización ás amas de casa ten que calcularse en base ao custo que supuxese contratar a unha empregada de fogar durante os anos de convivencia tomando como basee o SMI–, os maxistrados conclúen que lle corresponde cobrar a metade do resultado do cálculo. A razón é que interpreta que "do traballo para a casa benefíciase o cónxuxe que non o prestou, pero tamén satisfai o interese do que o realizou" na medida en que cobre as súas necesidades persoais. Ao desestimarse o seu recurso, ela terá, ademais, que facerse cargo das costas xudiciais.

Comentarios