Luz verde do Goberno luso á venda das oficinas españolas de Caixa Geral a Abanca

Lisboa tamén aproba a adquisición por Capitec da filial surafricana do banco estatal portugués

Sede de Caixa Geral. AGN
photo_camera Sede de Caixa Geral. AGN

O Goberno de Portugal aprobou a venda das filiais española e surafricana do banco estatal luso Caixa Geral de Depósitos (CGD) a Abanca e Capitec, respectivamente.

A entidade financeira galega Abanca, presidida por Juan Carlos Escotet, dono de Banesco, adquirirá o 99,79 % do capital social de CGD en España, que en territorio español conta con 110 delegacións e opera baixo o nome Banco Caixa Geral.

Segundo indicou Abanca nun comunicado, con esta adquisición incrementarán en 7.000 millóns de euros o seu volume de negocio, dos cales 2.950 millóns corresponden a depósitos de clientes.

Banco Caixa Geral conta con algo máis de 500 traballadores e unha rede de 110 oficinas en España, principalmente nas rexións de Estremadura, Galicia e Madrid.

O anuncio da venda chegou apenas un día logo da XXX Cume Hispano-Lusa, que reuniu ao primeiro ministro portugués, António Costa, e ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, na cidade de Valladolid.

Pola súa banda, o banco surafricano Capitec farase co 100 % do capital social de Mercantile Bank Holdings Limited, filial de CGD en Sudáfrica.

Comentarios