A pontevedresa Xiana Méndez, nova secretaria de Estado de Comercio

Desde agosto de 2015 era a conselleira económica e comercial da Embaixada de España en Quito

 

O Consello de Ministros nomeou á galega Xiana Méndez Bértolo nova secretaria de Estado de Comercio, a proposta da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, que tamén designou a Raúl Blanco Díaz novo secretario xeral de Industria e da Peme. 

Méndez Bértolo, nacida o 27 de xullo de 1977 en Pontevedra, é licenciada en Dereito e en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade Pontificia Comillas. En 2004 ingresou no Corpo Superior de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado. Iniciou a súa carreira profesional en 2004 no Servizo de Defensa da Competencia do Ministerio de Economía e entre 2013 e 2015 desempeñou diferentes postos na Dirección Xeral de Política Económica do ministerio, especializándose nos sectores de transporte e infraestruturas e crédito oficial. Desde agosto de 2015 era a conselleira económica e comercial da Embaixada de España en Quito. 

Pola súa banda, o novo secretario xeral de Industria e da Peme é licenciado en Economía e posgrao en Desenvolvemento Local e Rexional pola Universidade de Barcelona. Iniciou a súa carreira profesional en 1999 na Generalitat de Cataluña, onde desempeñou diversas funcións e cargos, sempre no ámbito das políticas públicas en materia de industria, innovación e promoción económica. 

Comentarios