O prezo medio dos coches de ocasión xa apenas dista 2.600 euros dos novos

Polos turismos de segunda man páganse case 20.300 euros de media en Galicia tras a espiral alcista, mentres comprar e matricular un automóbil a estrear salgue por preto de 23.000 euros 
Feria de coches de ocasión. EP
photo_camera Feria de coches de ocasión. EP

Os coches de ocasión encarecéronse tanto que o seu prezo medio xa non anda lonxe de alcanzar ao dun turismo a estrear. Aínda que inflúen factores como os anos de antigüidade, o motor, a marca ou o modelo polos que se opte, en media a diferenza é de apenas 2.600 euros.

Son os que separan os 22.963 euros que custaba, de media, comprar e matricular un vehículo novo en Galicia en setembro (o que supón un 9,5% máis que no mesmo mes de 2022, segundo os últimos datos da Axencia Tributaria) dos 20.321 euros que marcou o automóbil de segunda man en outubro, un 1,9% máis que un ano antes, de acordo co barómetro do portal de compravenda de usados Coches.net. 

O prezo destes vehículos pisou o acelerador fundamentalmente por unha razón: os turismos que están a facer crecer a oferta no mercado de segunda man son os máis caros, aqueles máis novos e os híbridos e eléctricos.

En plena crise dos semiconductores, o stock de turismos neses segmentos reduciuse porque o freo na produción das fábricas retardou as operacións de cambio de coche, pero esa fochanca xa se superou contribuíndo a que haxa máis unidades con moi pouca antigüidade buscando novo dono, procedentes sobre todo do parque móbil das empresas. 

Para facerse unha idea do que se encareceu o mercado de ocasión basta con facer a comparativa con dez anos atrás e ver que os coches usados custan practicamente o dobre. En marzo de 2013 había de desembolsar, de media en España, 10.964 euros para facerse cun, mentres agora ese importe está preto dos 20.700 euros. Unha barreira que incluso se superou en setembro, cunha marca de 20.764 euros.

Na comparativa interanual van xa tres meses consecutivos de subidas e "todo apunta a que aínda queda percorrido", segundo indican desde Coches.net. Non hai visos de optimismo para quen ten nos seus plans comprar un vehículo. 

En calquera caso, hai que ter en conta que o custo varía en función de diversos factores. Atendendo ao combustible, os vehículos movidos con diésel e os propulsados con baterías baixaron, mentres os de gasolina subiron.

Segundo a antigüidade, hai subidas interanuais en todas as franxas de idade, sobre todo nos seminovos (aqueles con menos de 12 meses), que alcanzaron os 40.143 euros de media, un 6% máis. En canto ao quilometraxe, os coches con menos rodaxe, ata&os nbsp;40.000 quilómetros, encarécense.

COMPRAVENDA. A subida de prezos podería ser un dos motivos polos que a demanda de usados está a caer en Galicia. En outubro cambiaron de mans 8.508 turismos e todoterreos de segunda man, o que supón un 8,8% menos que un ano antes,  segundo datos da patronal de distribuidores Ganvam e a de concesionarios, Facounauto

Mentres, a matriculación de unidades novas aumentou un 7,1%, ata as 2.080. Isto significa que por cada automóbil a estrear adquírense catro de ocasión na comunidade.

No conxunto de España, en cambio, a venda de usados aumentou un 6,1% o mes pasado, con 169.831 transaccións, impulsadas fundamentalmente polos coches de ata cinco anos. 
 

Comentarios