Suíza pon fin ao segredo bancario

Suíza tivera ata agora o segredo bancario como un dos alicerces da súa actividade financeira

O país transmitiu a finais de setembro ás autoridades fiscais de decenas de países datos duns dous millóns de contas

Suíza transmitiu a finais de setembro ás autoridades fiscais de decenas de países datos duns dous millóns de contas bancarias, pondo así fin a case un século de segredo bancario.

Así o anunciou este venres nun comunicado a Administración Federal das Contribucións (AFC), que precisou que procederan a un primeiro intercambio automático de informacións.

A AFC especificou que non pode dar ningunha información sobre o volume do patrimonio financeiro que conteñen esas contas bancarias. Os datos intercambiados son o nome, a dirección, o Estado de residencia e o número de identificación fiscal, así como as indicacións sobre a institución financeira que declara, o saldo da conta e os ingresos de capitais.

Está previsto que este ano Suíza intercambie información bancaria cos países membros da Unión Europea (UE) e con outros nove Estados ou territorios: Australia, Canadá, Corea do Sur, Guernsey, Illa de Man, Islandia, Xapón, Xersei e Noruega. Chipre e Romanía están por agora excluídos do intercambio dado que aínda non cumpren coas esixencias internacionais en materia de confidencialidade e de seguridade de datos, precisou a AFC.

Así mesmo, a entidade especificou que a transmisión de datos con Francia e con Australia está atrasada, dado que estes dous países non poden por agora entregar os seus datos por razóns técnicas. A Confederación Helvética non recibiu aínda os datos de Croacia e Estonia, aínda que non se precisou a causa.

O intercambio farase a partir de agora cada ano e espérase que en 2019 Suíza intercambie datos con 80 países.

O Foro Mundial sobre a Transparencia e o Intercambio de Informacións con Fins Fiscais da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE), que impulsou o fin deste segredo bancario, controlará o proceso.

A praza financeira suíza, unha das máis importantes e reputadas do mundo, tivera ata agora o segredo bancario como un dos alicerces da súa actividade e tamén un dos seus maiores atractivos, que durante décadas permitiu ocultar grandes patrimonios ao fisco.