A subida dos alimentos e a reposición elevan o golpe ao peto dos galegos

A cesta de compra suma 15 meses crecendo a dobre díxito. Azucre e aceite, os máis inflacionistas no último ano
 
La carne de porcino está en la amplia lista de alimentos que se han encarecido. NACHO GALLEGO (EFE)
photo_camera La carne de porcino está en la amplia lista de alimentos que se han encarecido. NACHO GALLEGO (EFE)

O encarecemento do custo da vida intensifícase. Xa o adiantou o Instituto Nacional de Estadística (Ine) a finais de agosto e onte confirmouno, sumando aos datos ofrecidos o detalle por comunidades e capítulos de gasto. En Galicia, a inflación pechou o mes pasado no 2,7% en taxa interanual, seis décimas máis que en xullo e unha por encima da media nacional. Tras tocar chan en xuño, a subida dos prezos leva dous meses acentuándose. 

A nova escalada dos carburantes é a principal responsable. Os chafarices non dan tregua: o  litro de diésel dispénsase de media xa a 1,7 euros e o de gasolina vai rumbo aos 1,8 euros na comunidade. Aínda que os condutores pagan por encher menos que hai un ano, o encarecemento do combustible nos últimos meses déixase sentir sobre as economías domésticas, as empresas e moitos autónomos, sobre todo agora que non hai bonificación. 

O que segue custando máis que hai un ano é comer. En Galicia, ao contrario do ocorrido no conxunto de España, a subida de prezos dos alimentos e bebidas non alcohólicas colleu forza en agosto. Estaban un 10,7% máis caros que un ano antes, o que supón tres décimas máis que en xullo e dúas sobre a media nacional (10,5%). Os efectos do cambio climático sobre as producións son un dos numerosos motivos que estarían detrás da nova subida da cesta da compra.

Se na comparativa mensual moi poucos produtos da lista de básicos en calquera fogar deron tregua —a froita fresca, o capítulo de bebidas non alcohólicas e, con baixadas mínimas, o leite, as patacas ou os cereais—, con respecto a un ano antes a gran maioría de alimentos están considerablemente máis caros. A palma lévanlla o azucre, en agosto un 48,7% máis caro que un ano antes, e o aceite (+33%), sobre todo pola subida do de oliva. Carne de porco (+13,4%), leite (+12,4%), ovos (+10,9%), patacas (+9,9%), froita fresca (+7,6%) ou legumes e hortalizas (+4,7%) tamén repuntaron.  

En agosto, mes de vacacións por excelencia, tamén cabe destacar o encarecemento dos paquetes turísticos nun 22,2%, dos servizos de aloxamento (6,8%) ou da restauración (6,7%) na comparativa anual. 
Con ese pano de fondo e nun escenario de hipotecas á alza e alugueres polas nubes, entre o pouco que dá tregua ás familias nestes momentos está a luz. 

A inflación segue preocupando, especialmente a subxacente, aquela que non ten en conta os alimentos procesados nin os produtos enerxéticos e que fai pensar que o encarecemento do custo da vida pode perpetuarse. En Galicia está no 6,3% tras baixar só unha décima en agosto.

¿Ata cando seguirá á alza a inflación? é unha das grandes preguntas que se fai o consumidor, pero resulta imposible de responder a estas alturas. De momento, a inflación seguirá en aumento nos próximos meses. Prevese que a evolución dos carburantes teñan moito que ver, nun escenario de tensións no mercado do petróleo que empuxan á alza a súa cotización.

A Ocu xa advirte que, se diésel e gasolina proseguen coa súa escalada, iso acabará encarecendo máis os alimentos, cuxos prezos ven empuxados tamén por factores como seca. 
 

Comentarios