Telefónica vende o 10 % de Telxius a Amancio Ortega por 378,8 millóns

A operación forma parte dunha estratexia de creación de valor e posicionamento coa que se pretende, entre outros obxectivos, reducir a débeda

Sede de Telefónica en Madrid. EFE
photo_camera Sede de Telefónica en Madrid. EFE

Telefónica vendeu o 9,99 % de Telxius, a súa filial de infraestruturas, a unha sociedade do Grupo Pontegadea, o vehículo investidor de Amancio Ortega, por un importe de 378,8 millóns de euros, anunciou este venres a operadora.

Nun comunicado á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a multinacional explicou que a operación se enmarca nunha "estratexia de creación de valor, optimización do retorno sobre o capital e posicionamento estratéxico" e "complementa o obxectivo de redución de débeda e fortalecemento de balance pola vía orgánica".

Pontegadea, que paga 15,2 euros por cada acción de Telxius, comprou o 16,65 % do capital social de Pontel Participacións –filial de Telefónica–, que é titular á súa vez do 60 % do capital social da sociedade Telxius Telecom, mentres que o 40 % restante é propiedade do fondo de capital risco KKR.

Ese 16,65 % do capital de Pontel equivale, en termos económicos, a unha participación indirecta do 9,99 % do capital social de Telxius, que conta entre os seus activos con máis de 16.400 torres en seis países e dez cables de fibra óptica submarina.

AGLUTINAR O NEGOCIO. Telefónica creou Telxius para aglutinar o seu negocio de torres e cables submarinos en 2016, cun obxectivo inicial de sacala a bolsa, plan do que desistiu no último momento tras considerar que as ofertas de compra de accións que recibira non valoraban adecuadamente a compañía.

Meses despois, alcanzou un acordo para vender o 40 % da filial de infraestruturas ao fondo estadounidense KKR por 1.275 millóns.

Telxius conta con torres de telecomunicacións en España, onde é líder, Alemaña, Perú, Arxentina, Brasil e Chile e unha rede internacional de cable de fibra óptica de aproximadamente 87.000 quilómetros, dos cales 36.000 son en propiedade.

Entre os seus cables de fibra submarina, destacan os dous cables de maior capacidade do mundo, Marea e Brusa. Marea, un proxecto conxunto con Microsoft e Facebook, é a ruta atlántica de menor latencia na actualidade, mentres que Brusa enlaza Estados Unidos e Brasil. 

Comentarios