A Xunta destinará 70 millóns en dous anos para apoiar a autónomos e microempresas

A partida busca "complementar" as prestacións establecidas no ámbito estatal por mor da pandemia
Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR

O plan de rescate para autónomos e microempresas da Xunta activarao a Consellería de Emprego "nas próximas semanas" e disporá de 70 millóns de euros en dúas anualidades: 2020 e 2021. 

Despois de que o anunciase o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, este mércores nunha xornada da APD, o Consello informou este xoves do plan para apoiar a este colectivo ante a crise xerada pola covid-19. 

Segundo explica o Goberno galego nun comunicado de prensa, o plan, para atender "as necesidades máis urxentes" de ata 50.000 persoas, "acordarase" na mesa do autónomo e no seo do diálogo social. 

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico, Feijóo explicou que o obxectivo é chegar a eses 50.000 autónomos, "sexan autónomos ou autónomos que contratan a outros autónomos". 

O propósito desta medida é, en suma, "complementar" as prestacións establecidas no ámbito estatal por mor da urxencia sanitaria polo coronavirus.

DÚAS LIÑAS Distribuído en dúas liñas, a primeira delas, dotada de 30 millóns, diríxese a autónomos. Os beneficiarios percibirán 1.200 euros e 2.000 cando se trate de actividades que estivesen paralizadas durante polo menos seis meses ou especialmente suspendidas, como é o caso do lecer nocturno. 

Os traballadores por conta propia que reciban o apoio deberán adquirir o compromiso de manter a actividade e o emprego durante tres meses. Poderán optar á axuda os autónomos que teñen recoñecida a prestación extraordinaria ou ordinaria por cesamento que non superen determinados rendementos netos na declaración da renda do ano anterior. 

Por outra banda, a segunda liña, con 40 millóns, establecerase para microempresas ou traballadores autónomos con persoal contratado ao seu cargo que desde a declaración do estado de alarma teñan ou tivesen autorizado un expediente de regulación de emprego temporal pola covid-19. Estes deberán ter declaradas perdas de, polo menos, o 50% respecto do mesmo período de 2019 (setembro de 2019-setembro de 2020). 

As empresas, pola súa banda, deberán adquirir o compromiso de manter a actividade económica e o emprego durante seis meses. Excepcionalmente, poderán tamén acollerse a esta medida as pemes que presenten unha actividade suspendida durante, polo menos, seis meses desde a declaración do estado de alarma ou especialmente paralizada, como o lecer nocturno. A Xunta explica que concederá unha axuda de 4.000 euros que se abonará en dous prazos. 

Ambas as liñas –autónomos e microempresas– serán compatibles entre si, polo que os beneficiarios poderán obter contías máximas de ata 6.000 euros. 

Comentarios