Achan pelo do neno Julen no pozo de Totalán
Apareceu entre o material sólido que se foi extraendo da zona ►"Isto lévanos a confirmar a estratexia de succionado do pozo para tratar de alcanzar o lugar onde se atopa o menor", sinala a Garda Civil
Os equipos de rescate acharon un pelo de Julen, o neno de dous anos que caeu nun pozo o domingo en Totalán (Málaga), informaron a Efe fontes próximas ás tarefas de procura.
Trátase dun pelo atopado entre o material sólido que se foi extraendo do pozo, ao que se lle practicou unha proba de ADN e que se cotexou co dos familiares.
Segundo as mesmas fontes, isto implica que agora a prioridade dos traballos é seguir extraendo o material sólido, no terceiro día de procura do pequeno, que caeu o domingo por este estreito orificio de máis de 100 metro de profundidade.
Ademais, o director da Garda Civil, Félix Azón, explicou este mércores aos xornalistas antes de participar nun almorzo en Madrid que se comunicou á familia que "existen restos biolóxicos cunha altísima posibilidade de que sexan do neno".
"Isto lévanos a confirmar a estratexia de succionado do pozo para tratar de alcanzar o lugar onde se atopa o menor", proseguiu Azón, que no entanto insistiu en que se manteñen o resto de opcións de rescate.
Nas últimas horas iniciáronse traballos alternativos, en concreto a construción de dous túneles, un paralelo ao pozo e outro oblicuo, para intentar chegar ao lugar onde se cre que se atopa Julen a uns 80 metros de profundidade.