Sucesión de dimisións

Dimiten Salvador Victoria e Lucía Figar pola súa imputación na Púnica

Los hasta ahora consejeros de Presidencia y Educación de la Comunidad de Madrid, Salvador Victoria y Lucía Figar
Os conselleiros de Presidencia e Educación da Comunidade de Madrid, respectivamente, argumentan que non queren que a súa permanencia nun Executivo en funcións prexudique ao PP e á formación do Goberno

O conselleiro de Presidencia da Comunidade de Madrid, Salvador Victoria, imputado na operación Púnica, presentou a súa dimisión para non ser un "impedimento" na formación dun goberno do PP, segundo lle comunicou ao xefe do Executivo rexional en funcións, Ignacio González.

A través dun comunicado da Consellería de Presidencia, Victoria sinala que ante as últimas circunstancias -en alusión á súa imputación polo xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco- decidiu dimitir para que a súa permanencia no cargo "non puidese ser un impedimento para a configuración dun goberno do Partido Popular na Comunidade de Madrid".

Salvador Victoria reitera a súa "honestidade política en todos os aspectos da súa xestión como cargo público" da Comunidade e nega "calquera feito" do que se o acusa e dos que, segundo di, xa deu as oportunas explicacións en distintas comparecencias públicas e roldas de prensa desde o pasado mes de febreiro.

No comunicado, Victoria reitera a falsidade das imputacións, que lle causaron "un inmenso dano persoal e familiar".

O seu departamento recorda que á marxe destas novas circunstancias, o conselleiro xa anunciou o pasado 9 de abril a súa intención de abandonar de xeito temporal a política por motivos "estritamente familiares e persoais" tras máis de doce anos vinculado ao Goberno madrileño.

Ademais de dimitir como conselleiro, Victoria tamén o fixo dos cargos que ostenta no PP de Madrid.

Así mesmo, a conselleira de Educación da Comunidade de Madrid, Lucía Figar, anunciou este xoves a súa renuncia tras a súa imputación na mesma trama de corrupción. Fíxoo nunha comparecencia ante a prensa, pouco despois de que o fixese, a través dun comunicado, o conselleiro de Presidencia, Salvador Victoria.

En declaracións aos medios de comunicación, Lucía Figar xustificou a súa decisión en que non quere que a súa "permanencia" nun Executivo en funcións prexudique ao PP e á formación do Goberno en Madrid.

Figar, que asegurou ademais que non ten "interese" en facer uso do seu aforamento nin de ostentar ningún tipo de privilexio ante os xulgados, dixo non recibir presións da dirección do seu partido para tomar esa decisión.

"A decisión parte de min", asegurou Lucía Figar para recoñecer a continuación que, logo de anunciar que deixaba a política, a diferenza era irse agora ou dentro de 15 días.

O martes último, cando se coñeceu a imputación, non deixou o cargo porque non tiña constancia da imputación, pero este mércores fixo unha "reflexión longa" e convenceuse de que estaba "dispostísima" a deixar o goberno "polo ben de todos".

A exconselleira de Educación recoñeceu que a súa imputación no caso Púnica é "un prato de mal gusto" polo que está "a desexar declarar canto antes", pero dixo que o caso "nada ten que ver" con "mordiscos" nin comisións millonarias.

"Ninguén levou un duro; non podo dicir que se fixo unha cousa mal pero a día de hoxe non sei que delito puiden cometer", preguntouse Figar.

Non obstante, admitiu que nun "contexto de tolerancia cero con estes casos" a súa actuación "facilita as cousas" na futura formación de goberno.

Fontes da Consellería de Educación aseguraron cando se coñeceu a imputación que Figar non tiña ningunha citación da Audiencia Nacional para comparecer como imputada pola trama Púnica.

"A Consellería está a colaborar co xulgado, remitíronse hai meses os expedientes completos dos contratos, duns 1.900 euros mensuais, e a acreditación dos servizos prestados, todo debidamente fiscalizado pola Intervención", engadiron as mesmas fontes.