Absolto o acusado dun roubo con violencia na casa da nai da súa exparella en Padrón

O home agrediu á muller e ao seu can cando entrou na vivenda, situada en Padrón

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, deu a coñecer este luns unha sentenza na que se absolve un home acusado dun delito de roubo con violencia no domicilio da nai da súa exparella.

Os feitos referidos aconteceron na madrugada do pasado 25 de novembro de 2014 en Padrón, data na que a denunciante, unha muller de avanzada idade, foi agredida na súa propia casa, onde se achaba coa única compañía da súa mascota, un can que tamén sufriu lesións a mans do ladrón.

En total, os danos materiais sufridos na vivenda, á que o ladrón accedeu tras cortar a luz en toda a veciñanza, ascenden a 433 euros, mentres que os aveños roubados suman un valor total de 1.542 euros.

A Sala non considerou que existan probas de cargo suficientes para condenar o acusado, que segundo se recolle na sentenza mantén unha relación de "intenso enfrontamento" coa súa exparella, e absolveuno dun delito de roubo con violencia polo que se lle pedían cinco anos de prisión, así como dous meses de multa diaria por unha cantidade de 10 euros e o custeo da responsabilidade subsidiaria das lesións.

A ausencia de impresións dixitais ou de mostras biolóxicas na vivenda foron determinantes para o ditame dunha sentenza ante a que cabe recurso de casación.

Comentarios