Sen acordo na Cámara ao redor da lei galega de LGTBI en vésperas do Día do Orgullo 

A oposición chama a reforzar a norma con medidas como unha especialización dos centros Quérote+

Olalla Rodil. AEP
photo_camera Olalla Rodil. AEP

Os grupos con representación no Parlamento de Galicia non alcanzaron este mércores un acordo sobre a aplicación da lei galega pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, que a oposición pide que se reforce con medidas como unha especialización dos centros Quérote+.

Na sesión plenaria celebrada dous días antes da conmemoración do Día do Orgullo, o BNG presentou unha proposición non de lei a través da que esixía que "verdadeiramente" levasen a cabo as medidas que a lei autonómica de 2014 contempla. O PP ofrecíase a aprobar unha parte das medidas que recollía a proposición pero non outras, e ante a imposibilidade de votar por puntos a proposta foi rexeitada.

A parlamentaria do BNG Olalla Rodil explicou que o seu grupo non accedía á votación por puntos porque na oposición non pretenden ser "meros apuntadores" pedíndolle á Xunta que cumpran unha lei xa aprobada como a de 2014. "Se non se fixo é porque non houbo vontade de facelo", dixo.

"Traemos esta iniciativa para avivar o debate, para seguir avanzando nunha sociedade democrática e xusta", sinalou Rodil. A partir de aí, a iniciativa presentada polo BNG —que contou co apoio de En Marea e PSdeG— propuña modificar os requisitos para a acreditación dos centros de información á muller (CIM) de forma que se lle retirasen as competencias en materia LGTBI co obxectivo de dotar a comunidade de centros especializados.

Así mesmo, reclamaban dotar de máis recursos económicos e humanos a rede de Centros Quérote+ prestando especial atención ao colectivo LGBTI. Ademais, apostaban por deseñar unha campaña entre o persoal do Sergas para resolver posibles dúbidas e diferenzas de criterios na aplicación da norma.

O parlamentario do PP Gonzalo Trenor defendeu a norma actual, pioneira en España, e a atención que se ofrece ao colectivo LGTBI na rede de CIMS en Galicia. Comprometeuse a aceptar as peticións que chaman a profundar na aplicación da lei. A iso, "dicímoslle que si, porque é a lei de todos os galegos", apuntou.

Comentarios