jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Os acusados polo crime da Pobra reivindican a súa inocencia ante a falta de probas "contundentes"

La pareja acusada de matar a una mujer que compraba cocaína en A Pobra en el arranque del juicio. XOÁN REY
La pareja acusada de matar a una mujer que compraba cocaína en A Pobra en el arranque del juicio. XOÁN REY

A Fiscalía e a acusación centran os seus argumentos na triangulación dos datos dos teléfonos móbiles ao non existir probas de ADN ou sangue 

As defensas dos acusados polo asasinato de Yurissa A. en xuño de 2015 na Pobra do Caramiñal pediron este luns a libre absolución para os seus defendidos ante a falta de probas "contundentes" que os impliquen directamente no asasinato da cidadá dominicana que recibiu ata 36 feridas cun obxecto punzante que lle causaron a morte. 

Este luns nos xulgados de Santiago tivo lugar a penúltima xornada do xuízo contra M.A.C. e V.L.M., parella no momento dos feitos e para os que a Fiscalía e a acusación particular piden 20 anos de prisión por un delito de asasinato con ensañamento, ademais dunha indemnización de 110.000 euros para os herdeiros da vítima. 

Na lectura das conclusións das partes ante o xurado popular, o Ministerio Público sostivo que os procesados actuaron de común "e previo acordo" para acabar coa vida de Yurissa A., que residía en Ribeira –onde exercía a prostitución– e que presuntamente contraera unha débeda de 50 euros con M.A.C. e V.L.M., que se dedicaban ao tráfico de drogas polo miúdo. 

Tanto a Fiscalía como a acusación centran os seus argumentos contra os acusados na triangulación dos datos dos teléfonos dos presuntos asasinos e a vítima. Os sinais dos terminais sitúan xuntas a estas tres persoas durante a mañá do 7 de xuño de 2015. 

E é que as pescudas policiais e os informes forenses non atoparon probas de ADN ou de sangue no cadáver de Yurissa P., cuxos aveños persoais foron localizados nunha zona afastada de onde foi depositado o corpo. 

Tampouco descubriron indicios no piso que compartían os acusados ou no seu coche, aínda que a alfombra do maleteiro do turismo nunca foi achada. Nesta "falta de probas contundentes" puxeron o foco os avogados dos acusados que, ademais, centraron a súa defensa en culpabilizarse mutuamente do asasinato. 

Mentres que a defensa de M.A.C. asegura que se trataba dunha muller "totalmente dominada" pola súa parella, que realizaba o que el lle pedía "sen preguntar" e que sufría malos tratos por parte de V., os avogados deste manteñen que eses argumentos son "falsos" e que "o rol de persoa dominada" presentado polos letrados de M. é "totalmente inexistente". 

Ademais, os avogados do acusado afirman que o seu defendido non tiña teléfono móbil no momento do crime, unha liña que a acusación desmente co argumento de que, aínda que non existía ningunha liña ao seu nome, V. si empregaba un terminal cuxa titularidade recaía nunha terceira persoa co obxectivo de non ser investigado polas súas actividades delituosas relacionadas co tráfico de estupefacientes.

"COARTADA IMPERFECTA". Así, as defensas presentan unha reconstrución da mañá dos feitos totalmente dispar, coa única excepción do seu desprazamento conxunto á zona de Couso para atoparse cun amigo común co obxectivo de realizar unha "churrascada" que nunca chegou a realizarse. 

Tanto a acusación particular como a Fiscalía consideran que isto último foi unha "coartada imperfecta" que os procesados improvisaron tras cometer o crime co obxectivo de poder ser situados por unha terceira persoa nun lugar diferente. 

O Ministerio Público estima que os presuntos asasinos actuaron de xeito "coidadoso", pois non foi posible atopar máis indicios que os datos dos teléfonos móbiles e que a vítima fose vista por última vez abandonando un bar de Ribeira en compañía da acusada. 

Con todo, as defensas reiteraron este luns, como xa fixeran no arranque do xuízo, que o sinal dun teléfono móbil non implica que os seus titulares se atopen nesa mesma localización, o que lles leva a manter que o principal argumento da acusación non ten o peso suficiente como para condenar a dúas persoas por un "delito tan grave". 

O xuízo encara a súa recta final coas deliberacións do xurado popular, que levarán a cabo a partir da mañá do martes. 

Os acusados polo crime da Pobra reivindican a súa inocencia ante a...
comentarios