Acusan a Feijóo de usar a pandemia como "desculpa" para privatizar a sanidade

Concentración en defensa da sanidade pública en Pontevedra. RAFA FARIÑA
Preto dun centenar de persoas concentrouse en Pontevedra en defensa dun sistema sanitario público

Preto dun centenar de persoas concentráronse este sábado en Pontevedra para denunciar que hai gobernos como os de Galicia e Madrid que "aproveitan" a pandemia da covid-19 para privatizar "todo o que se pode" na sanidade pública.

O coronavirus "veulles como anel ao dedo", lamentou Rafa Vázquez, portavoz do sindicato sanitario Co.Bas, un dos convocantes desta protesta xunto ao sindicato CXT, o Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen) ou o sindicato dos profesionais da sanidade pública galega (Prosagap).

"A pandemia é a desculpa para paralizar e incrementar listas de espera e que a xente se busque solucións individuais dentro do sistema privado", engadiu Vázquez.

Asegura que a "única solución" pola que optou o goberno de Alberto Núñez Feijóo é a privatización "pura e dura" dun sistema público de saúde "que están descapitalizando", en beneficio de hospitais privados "nos que a xente teña que pagar".

Ante esta situación, os manifestantes reclaman a derrogación da lei que "facilita" que a empresa privada "entre a xestionar o público", explicou a portavoz de Prosagap, María Torre, " que é a consecuencia de moitos dos problemas que ten a sanidade pública". 

"Aínda que os nosos xestores digan que isto é consecuencia da pandemia, non é verdade", sinalou Torre, que alertou sobre a situación "catastrófica" da atención primaria.

En Galicia, sinalan os sindicatos, non se repoñen as xubilacións, os contratos son "precarios" e non hai xente "dispoñible" para traballar porque "moitos deles" optaron por irse a outras comunidades "ou incluso fóra do país" en busca de mellores condicións laborais.

Os impulsores desta protesta engaden que a atención primaria é "o alicerce fundamental" da sanidade "en calquera país" e alertan de que "cando se abandona cae todo o sistema".