A Asociación de Afectados Paramos-Guillarei decidiu en asemblea convocar unha concentración para o vindeiro martes diante do novo centro de saúde de Tui e solicitar por escrito "sen máis demora" atención psicolóxica polo suceso ocorrido o pasado mes de maio, cunha explosión que acabou coa vida de dúas persoas e deixou decenas de feridos.
Os afectados non descartan realizar máis mobilizacións no caso de que o Servizo Galego de Saúde siga sen atender as súas demandas, din nun comunicado.
Esta asociación recordou que xa pasaron máis de catro meses desde a explosión pirotécnica que deixou dous falecidos, varios feridos e a numerosos veciños sen casas en Pairamos.
Asegurou que son moitas as persoas que seguen sen poder superar o ocorrido aquel fatídico día e de aí a necesidade de recibir urxentemente esta atención psicolóxica.