Os afectados da hepatite C piden "empatía" ao PP ante os enfermos que "morreron"

Na Comisión de investigación de sanidade o PP denuncia o "acoso" dos afectados aos cargos públicos

Protesta de la Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C. PEPE FERRÍN
photo_camera Protesta de la Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C. PEPE FERRÍN

A Plataforma de Afectados pola Hepatite C reclamou ao PP "empatía" e que se acorde dos enfermos que "morreron" polos "recortes" e "restricións" aos tratamentos, no marco da comparecencia na Comisión de investigación de sanidade celebrada no Parlamento na que se denunciou desde as filas populares o "acoso" a deputados e cargos por parte dos afectados.

Ante a presenza tan só dos membros do Partido Popular polo abandono dos representantes da oposición que denunciaron o "veto" ás súas propostas de comparecentes, o portavoz da Plataforma, Quique Costas, censurou que non comparecesen os dous membros da subcomisión que analizaba os tratamentos contra a Hepatite C e que están investigados polo atraso na subministración de medicamentos contra este virus.

Quique Costas, tras pór en valor que o tratamento que se fornece a todos os pacientes desde 2015 é froito da "mobilización e da presión social", cifrou en case "un ano" o tempo de espera dos pacientes desde que se autorizaron os medicamentos ata que se comezou a fornecer. Tras asegurar que os pacientes que falecen ao mes por hepatite C poden alcanzar os 400, reiterou que "catro meses de espera supoñen moitos mortos".

"Houbo cousas que non funcionaron ben porque houbo pacientes que faleceron, que non debían falecer", denunciou o representante da Plataforma, que se fixo eco do "demoledor relato" da Fiscalía, que fixo referencia aos 8 casos de pacientes falecidos á espera de tratamento.

ABSOLUCIÓN. Na súa intervención, o portavoz de sanidade do grupo parlamentario do PP, Aurelio Núñez Centeno incidiu en que gran parte das acusacións en relación aos dous cargos do Sergas investigados, Félix Ruibal e Carolina González-Criado, xa foron "rebatidas con probas documentais na instrución" e mostrou a súa confianza en que "salgan exentos de responsabilidade". 

O deputado popular insistiu en que resulta "imposible vincular os recortes con este caso" e afeou a Quique Costas, a quen acusou de acudir máis como representante político que como afectado, a "demagoxia en vincular recortes coa perda de vidas humanas". "Falar de recortes cando hai 13 denegacións de tratamento antes do Plan Estratéxico, con 3.300 enfermos tratados, creo que é moi difícil asociar os recortes coas cifras totais de tratamento", insistiu.

O representante da plataforma rebateu a acusación de utilización partidista referindo a súa propia experiencia como afectado e replicou que os enfermos non necesitan "motivación partidaria para moverse".

Pero nesta liña tamén atribuíu a "democracia" as peticións á cidadanía a través de redes sociais de que se dirixisen aos representantes públicos e a unha "explosión de rabia" as acusacións de "asasinos" por parte de dúas "persoas" no Parlamento, ao día seguinte do falecemento dunha das afectadas. "Non se sentan acosados, póñase na pel de miles de persoas que estabamos nesa situación, porque para vostedes aquilo foi unha escaramuza parlamentaria máis, isto forma parte dun xogo político de derrotar á oposición e non ser derrotados, póñalle empatía e acórdense de todas as persoas que morreron", concluíu a súa intervención, "acórdense de todos aos que lles chegou tarde por criterios restritivos porque había que facer aforros e recortes".

Comentarios